Os socialistas de Ribadeo reclaman ao goberno local un carril bici

Os socialistas de Ribadeo reclaman ao goberno do BNG que dote á Avenida Ría de Ribadeo dun carril bici. O voceiro municipal do PSOE, César Fernández Murias, fixo esta solicitude ao alcalde para que “Ribadeo sexa tamén un exemplo de respecto e seguridade vial entre ciclistas, condutores e peóns, pois, na actualidade, non contamos con ningún tipo de carril destas características no casco urbano do Concello”.

Fernández Murias lembrou que os traballos de mellora e humanización que se están levando a cabo na Avenida Ría de Ribadeo contan cun investimento de 380.000 euros por parte do PSOE no Goberno da Deputación, que financia integramente o conxunto das obras.

“Aproveitando que se está dotando a esta vía de beirarrúas, pasos elevados, mobiliario urbano, así como melloras de  alumeados e pavimentos, cremos que é unha boa oportunidade para achegar, dunha vez por todas, un carril bici na zona urbana do noso municipio, dando resposta a unha prestación moi demandada polos ciclistas de Ribadeo, mellorando a seguridade vial e ofrecendo un novo atractivo á cidade”.

O voceiro do PSOE en Ribadeo subliñou que “parécenos moi ben que o goberno municipal do BNG coloque un cartel coa cita Ribadeo, vila amiga das bicicletas, pero en vez de facer medidas de cara á galería, deberían desenvolver iniciativas que de verdade atendan as necesidades dos ciclistas do Concello, como a creación do carril bici”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com