A Asociación de Persoas Usuarias da Escola Municipal de Música (AUESMU) convoca a todas as persoas usuarias, profesorado, medios de comunicación, grupos políticos e demais persoas interesadas a participar nunha asamblea aberta o vindeiro martes 6 de novembro ás 19:00 no Salón de Actos do centro Social Uxio-Novoneyra. As últimas resolucións xudiciais deixaron a Escola de Música nunha situación “inestable” como servizo público e dende a AUESMU preténdese que a comunidade educativa teña información sobre o que esta a pasar e cal pode ser a deriva da Escola Municipal de Música.
A AUESMU está disposta a traballar para defender o actual modelo público de Escola de Música Municipal. Para a AUESMU é preocupante que se poña en perigo a Escola e a estabilidade laboral do persoal docente por non atender debidamente, dende o Concello, as cuestións administrativas e laborais que están pendentes de resolver.
Para a AUESMU o funcionamento da Escola Municipal de Música é “exemplar” así como a implicación do profesorado e “non é admisible” que a deixadez do equipo de goberno municipal poña á escola neste punto. Despois de 6 anos de funcionamento “non é normal” que non se teña dado solución aos problemas administrativos que agora, por resolución xudicial, poñen en serio perigo o futuro da Escola Municipal de Música de Lugo.
A AUESMU solicitou, no mes de febreiro, unha entrevista coa Alcaldesa tras coñecer, a través dos medios de comunicación, a desestimación do recurso presentado polo concello de Lugo en relación á setencia que invalidaba a modificación da RPT do concello de Lugo para que as persoas que forman parte da Banda Municipal puidesen impartir clases na Escola Municipal de Música. Para a AUESMU “é necesario que o goberno municipal, a dirección e todas as persoas formamos parte da Escola Municipal de Música unamos esforzos de cara a preservar este centro formativo e o seu funcionamento exemplar”.