A asociación Lugo Monumental completou a primeira fase da campaña de convivencia con mascotas, anunciadas hai uns días. 80 dos 91 locais asociados, adheríronse a esta campaña. Deses 80, 25 non poden permitir a entrada de mascotas debido ao disposto na Lei de Protección e Benestar dos animais de compañía en Galicia que especifica que as mascotas non poden entrar en locais destinados á preparación, venda, almacén, transporte ou manipulación de alimentos.
Dos restantes, 50 aceptan que as mascotas teñan un lugar nos seus establecementos. Algúns optaron por reducir a súa presenza ás terrazas e veladores (nos casos dos locais de hostalería) e outros por acceso total das mascotas.
Entre outras cousas, a asociación vén de realizar tamén un documento guía cunhas normas que deben seguir tanto os propietarios de locais como os de mascotas. Os locais de hostalería teñen a obriga, segundo a lei, de sinalizar que permiten o paso ás mascotas, polo que a Asociación tamén facilitará aos asociados estas pegatinas.
Os locais, ademáis, poderán ter exposto o decálogo de normas que a asociación realizou para que, quen elixa entrar acompañado da súa mascota, teña presente que se espera da súa parte. Entre elas, lembran aos propietarios de mascotas, que teñan sempre o control dos seus cans con correa, evitar conflictos con outras mascotas ou con persoas que estean no local ou asumir os danos que a mascota poda causar.
Asemade, durante esta semana, Lugo Monumental, remitirá a listaxe de locais que permiten entrada a mascotas ás principais páxinas web que xestionan este tipo de información de forma que os propietarios de cans saiban a que lugares poden acudir coas súas mascotas.