Afundación, a Obra Social de ABANCA, continúa co ciclo de cinema ‘Voces rotas’ na súa sede de Lugo coa proxección, mañá martes 6 de novembro, a partir das 20.00 h, do filme Yo, Daniel Blake. A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade.
Todas as películas que conforman este ciclo profundan e dan visibilidade a diferentes problemáticas, como o racismo, as guerras e o paro, e temas que afectan á sociedade na actualidade, como a inmigración, a relixión e a adopción.
Yo, Daniel Blake (2016), de Ken Loach, relata a historia de Daniel Blake, un carpinteiro inglés con problemas cardíacos que por primeira vez na súa vida vese na obriga de deixar de traballar. Pero a administración sanciónao se non busca un emprego. Durante a súa procura coñece a Katie, unha muller solteira con dous fillos. Xuntos tentarán axudarse mutuamente.
Este ciclo cinematográfico continuará na Sede Afundación de Lugo o vindeiro martes 13 de novembro con Ida; o 20 de novembro con Verano 1993; e finalizará o 27 de novembro con Mustang.