O sindicato Comisións Obreiras (CCOO) advirte ao Goberno de Lara Méndez, que a falta de toma de decisións en materia de persoal está acarrexando “innumerables consecuencias para os servizos públicos” que presta o Concello e mesmo para o persoal municipal, “de feito cada vez máis persoal está de baixa por estrés relacionado coa falta organización e convértense en factores de risco psicosociais ou de tensión que afectan moi negativamente á saúde de moitos compañeiros“.
Nos últimos meses son cada vez máis os traballadores do Concello que manifestan o seu malestar polas condicións en que desempeñan as súas funcións. Un malestar crecente que está directamente relacionado coa falta de organización do traballo. “Dende CCOO vemos unha irresponsabilidade do goberno municipal non atender as reivindicacións do sindicato, sabemos que a solución está en aprobar definitivamente a RPT, así como as ofertas de emprego público dende o ano 2015 e negociar o Convenio Colectivo Único do Persoal Laboral”.
Para o sindicato, a costumbre do goberno socialista en Lugo é “a improvisación”, algo que evidencia, segundo CCOO, que a política de persoal non é prioridade para Lara Méndez. “Parque de Bombeiros, Escola Municipal de Música e Banda, Escolas Infantís, Brigadas Municipais, Servizos Sociais e Muller, Cemiterio, Augas, e o resto de servizos aos que nos se asignan os recursos necesarios para prestar un servizo de calidade á cidadanía”, denuncian dende CCOO.
CCOO esixe ao goberno a que se sente a negociar para pór fin a estas situacións buscando un diálogo social coa negociación colectiva que é o único medio para arranxar a situación de conflicto laboral.