Adif e Concello avanzan no deseño da nova estación intermodal da cidade

Adif dá un novo impulso á estación intermodal de Lugo, situándoa ao mesmo nivel que o resto das cidades galegas, coa presentación onte, ao Concello e á Xunta de Galicia, do anteproxecto da infraestrutura, que supoñerá un investimento de entre 27,5 e 31,6 millóns de euros. Estas cantidades inclúen os 2.705.076 euros en que está orzamentada a estación de autobuses, a cargo da Xunta de Galicia.

O anteproxecto presentado, baseado no protocolo comezado en agosto de 2010 polo goberno de Zapatero, trata de garantir a execución e explotación independente e eficaz das instalacións, así como unha óptima intermodalidade. O pasado mes de febreiro, Adif comprometeuse co Concello de Lugo e a Xunta de Galicia a elaborar un anteproxecto único para a nova estación intermodal, así como a licitar un novo proxecto construtivo para a estación ferroviaria desde a fase de estudos previos, incluíndo a súa correspondente tramitación ambiental, e a súa coordinación cun proxecto dunha nova estación de autobuses, a desenvolver pola Xunta.

O anteproxecto presentado por Adif segue as directrices do “Protocolo entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, o Concello de Lugo e Adif para a implantación dunha estación intermodal”, de data 4 de agosto de 2010. O novo complexo intermodal inclúe estación ferroviaria, estación de autobuses e un novo aparcadoiro de vehículos privados, ademais da integración do conxunto na trama urbana de Lugo.

“Grandes infraestruturas a ritmo de merengue”

“Un pasiño p’adiante María… e tres pasiños p’atrás”. A voceira de Lugonovo cre que as grandes infraestruturas da cidade evolucionan a ritmo de merengue, “dando voltas e voltas para entreter pero sen avanzar”. Cristina Pérez Herráiz alude así ao inesperado xiro que parece dar o proxecto para a Estación Intermodal de Lugo. “Hai que ter ben pouca vergonza para vender como un éxito en novembro de 2018 un protocolo que existe dende o 2010, o que quere dicir que, á vista das prestacións das que dispoñemos, na última década ningún dos gobernos de ningunha das administracións foi capaz ou ben de entenderse ou de traballar conxuntamente en beneficio deste concello”.

Á marxe da conveniencia que poidan ter os distintos deseños presentados para erguer a dotación, a portavoz do Grupo Municipal advirte que esta última pirueta deixa ao descuberto dúas cousas. “A primeira é que os compromisos desaparecen cando muda a cor política o que, a sete meses das eleccións locais, non deixa de xerar unha fonda desconfianza e, segundo, que, en contradición co que intenta trasladar a alcaldesa, cada vez, a alta velocidade, ou case mellor, a entrada de Lugo no século XXI das comunicacións ferroviarias, está máis lonxe de ser unha realidade ca nunca”, lamenta Pérez Herráiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com