O Goberno cede a antiga sede do Instituto Social da Mariña á AECC de Lugo

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu o acto de entrega das chaves da antiga sede do Instituto Social da Mariña á Asociación Española contra o Cancro de Lugo, que disporá agora dunhas instalación céntricas e máis amplas para prestar os servizos de atención e asesoramento aos doentes de cancro. No acto, celebrado esta mañá na Subdelegación do Goberno, participaron o director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Lugo, Juan José Rodríguez Gude, e a presidenta da Xunta provincial da Asociación Española contra o Cancro, Mari Luz Abella, así como a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

A subdelegada do Goberno destacou que “é unha gran alegría para mín poder axudar a que se dea apoio nas mellores condicións e con todo o confort posible, ás persoas que sofren cancro e ás súas familias”. Para Isabel Rodríguez “con este acto dámoslle unha nova vida a un local que levaba varios anos sen utilizar, sofrindo o deterioro propio do paso do tempo”.

“Penso que darlle un uso social é o mellor que podemos facer con este local que forma parte do patrimonio público, e a Asociación Española contra o Cancro de Lugo ten acreditada unha longa traxectoria de traballo ao servizo da sociedade lucense”, destacou a subdelegada do Goberno.

O director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social explicou que “era un local en desuso e nós consideramos que coa cesión do seu uso a garantimos a utilidade social do patrimonio público e esperamos que este espazo lles sirva para aumentar os servizos que prestan”.

Pola súa parte, a presidenta provincial da asociación expresou a súa gratitude “no nome de todos os enfermos de cancro e as súas familias, porque este local servirá para facilitarlles o acceso ás axudas que nós lles podemos prestar”. Mari Luz Abella tamén amosou a súa felicidade pola cesión dun local que “nos permitirá ampliar a actividade e a atención aos usuarios” e asegurou que dispór deste espazo “é un acicate para seguir  traballando”.

A alcaldesa felicitou á subdelegada do Goberno e ao director da Tesourería Xeral da Seguridade Social pola sensibilidade que demostran coa decisión de ceder este local á ONG  e salientou o importante labor que leva a cabo en Lugo, dende hai 60 anos, a Asociación Española Contra o Cancro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com