Cs Lugo pide a limpeza dos sumidoiros para evitar inundacións

O Grupo Municipal de Cidadáns Lugo denunciou esta mañá o mal estado dos sumidoiros da cidade ao estar atrancados por toda a sucidade que se foi acumulando neles. Esta situación provocou estes días, coincidindo coas primeiras choivas do outono, inundacións en varios puntos da cidade, como na Praza do Castiñeiro onde varias casas e locais comerciais víronse afectados.

“No canto de realizar un mantemento periódico das redes de rede de sumidoiros, cada ano temos que esperar a que se asolaguen as rúas para que o Goberno municipal dea o paso de limpar os sumidoiros”, afirma Jesús Expósito, concelleiro de Cidadáns. 

“A chegada dos meses de choiva pon aínda máis en relevo a necesidade de limpar estes sumidoiros de forma habitual, sobre todo en puntos críticos da cidade como Fontiñas ou a Avenida da Coruña, onde son frecuentes as inundacións“, opina o concelleiro. Esta situación, afirma Expósito, empeorou no último ano xa que Urbaser, a empresa encargada deste servizo, leva co contrato caducado desde marzo de 2017, “o que comportou a un empeoramento dos servizos prestados”. 

Cidadáns denuncia que “non se cumpre coa frecuencia fixada no contrato para a limpeza e baldeo das rúas, o que xerou unha situación de sucidade inusual na cidade que preocupa gravemente aos cidadáns”.  O contrato de Urbaser co Concello de Lugo é o de maior contía subscrito con unha empresa privada, ao ser de 600.000 euros mensuais,”polo que consideramos especialmente grave que este contrato aínda non estea licitado e que a cidade estea sucia, con contedores rotos e con sumidoiros atrancados”, conclúe Expósito.

O BNG preguntará polo cumprimento do contrato

Tamén o voceiro nacionalista, Rubén Arroxo, anunciou hoxe que presentará unha batería de preguntas en relación co cumprimento, por parte de Urbaser, das melloras presentadas no momento da concesión do servizo de limpeza e recollida de lixo. Naquel momento, ano 1996, a empresa adxudicataria presentou unha serie de melloras para optar ao contrato e queremos saber se a esa oferta de melloras se lles deu cumprimento” dixo Arroxo.

Unha das melloras presentadas pola empresa era destinar un 0,5% do importe do contrato anual, uns 7,2 millóns de euros, a campañas de difusión en concienciación. Na propia oferta da mellora estaba descrito o destino  destes, aproximadamente, 35.000 € anuais. Durante os anos nos que a empresa tivo contrato co concello de Lugo e onde segue recibindo pagos a través de facturas, a empresa tería que ter destinados uns 700.000 € ao pago de campañas de difusión tal e como estaba previsto nas oferta de mellora. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com