A Xunta subvenciona con 11.500 euros un proxecto de mellora de carreiros rurais en terreos pertencentes á comunidade de montes veciñais en man común de Vallo, no concello de Navia de Suarna.
O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda financia esta iniciativa promovida pola comunidade de montes a través da orde de axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos medioambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000. Con este proxecto preténdese mellorar un carreiro para facilitar o acceso da veciñanza e de visitantes a varias zonas do monte con valor ecolóxico e paisaxístico, así como favorecer o paso a parcelas particulares.
Balseiro apuntou que o departamento de Medio Ambiente financia integramente o custo da actuación, a excepción do IVE. Os proxectos, tal e como se prevé na convocatoria, execútanse en dúas anualidades: 2018 e 2019.
Estas axudas son cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.