PSOE e Lugonovo tildan de “cinismo” a moción popular que pide aunha Comisaría no antigo Xeral

O grupo municipal do PP vén de presentar unha proposición ao Pleno para pedir unha nova Comisaría da Policía Nacional no barrio da Residencia, “unha iniciativa que promove cunhas altas doses de cinismo pois durante 7 anos no Goberno central, o seu partido non moveu nin un só un papel nin puxo un só céntimo para este proxecto”, subliñou o voceiro municipal, Miguel Fernández. Aínda que a Subdelegada do Goberno xa fixo xestións para que os Orzamentos do Estado inclúan unha partida para este fin, segundo aseguran os socialistas, os populares “saben que a día de hoxe a dotación policial non se pode levantar nos terreos do Vello Xeral porque a Xunta anulou os trámites para poder ampliar os usos, polo que a día de hoxe seguen sendo exclusivamente sanitarios”, afirmou o Concelleiro.

“A primeira e máis grande mentira é atribuír ao PP un compromiso coa construción dunha nova comisaría na Residencia” e “inmobilismo” aos gobernos socialistas do Estado e o Concello. A realidade e a memoria da cidadanía lucense, afirma Fernández, tiran por terra este “despropósito”, pois nos 7 anos do PP en Madrid non fixo nada nin pola nova Comisaría nin por Lugo en xeral, “é máis, paralizou os proxectos que había en marcha na etapa do PSOE”, como foi a Estación Intermodal, que anulou sen facelo público. “E rétoos a demostrar publicamente o contrario. Onde está o proxecto? Onde está o orzamento? Só houbo palabras, feitos ningún”, subliñou o voceiro.

O PP di que é imprescindible continuar co traballo iniciado polo seu Goberno para a cesión ao Ministerio do Interior dos terreos para a construción da Comisaría, cando foi a propia Xunta do Partido Popular a que o pasado maio, cando soubo que ían perder o Goberno central, anulou o procedemento que iniciara previamente para ampliar os usos dos terreos, algo imprescindible para poder levantar alí a dotación policial. Deste xeito, a primeira administración que ten que dar un paso ao fronte para facer posible o proxecto é a Xunta reiniciando estes trámites, pois a día de hoxe a parcela só pode ter uso sanitario. Sobre os motivos deste parón, o Goberno galego deu ata tres versións distintas en só quince días.

O PP atribúelle ao Concello a responsabilidade e a obriga de planificar o futuro do barrio da Residencia no ano 1999, pois daquela “xa se sabía”, segundo ironiza o voceiro municipal, que 12 anos despois ía pechar o Vello Xeral e abrir o HULA. “Este último disparate revela que se lles foi das mans o intento de botarlle as culpas aos demais para tapar a súa vergonzosa falta de compromiso con Lugo”, asegurou Miguel Fernández.

“A hipocresía, o fariseo e a cara dura do PP, non ten límites”

“¡Non teñen vergonza!” A portavoz de Lugonovo, Cristina Pérez, falou tamén na liña do goberno local e non escatimou en críticas á hora de cualificar a proposición que o Partido Popular pretende levar ao vindeiro Pleno Municipal para solicitar a creación da nova Comisaría de Policía nas instalacións do vello Hospital Xeral.

“Por suposto que queremos unha Comisaría, alí ou onde sexa, e tamén o resto de actuacións incluídas no Plan Integral para revitalizar o barrio da Residencia. Agora ben, a hipocresía, o fariseo e a cara dura do PP ao rexistrar unha moción coma esta non ten límites”, di Cristina Pérez Herráiz, quen recriminou aos Populares que aproveitaran o último día de
mandato para boicotear o proxecto previsto para a zona. “Xa tardaba en agromar a verdadeira esencia do Partido Popular – reprocha Pérez Herráiz, agora semella que quixeran levar os mitins da precampaña ao Salón de Plenos, algo que, dende Lugonovo non lle imos tolerar. Xa só a intención parécenos miserable e inmoral”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com