Barreiro presentará no Senado varias iniciativas contra a suba de impostos de Sánchez

Os senadores populares da provincia de Lugo participaron hoxe nunha reunión con empresarios e autónomos da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) do sector industrial, sanitario e do transporte para trasladarlles as iniciativas que o Grupo Popular logrou aprobar na Cámara Alta fronte ás medidas propostas polo Goberno de Pedro Sánchez “que pretende conducir aos autónomos a un burato”; xa que “o 70% das subidas de impostos do plan orzamentario vai dirixido ás pequenas e medianas empresas e ás clases medias”. Así o expuxo o portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro, que estivo acompañado doutros senadores populares lucenses e o candidato do PP á alcaldía de Lugo, Ramón Carballo, que tamén avogou por defender os intereses dos empresarios e autónomos lucenses.

As iniciativas dos populares pretenden reverter a situación e piden ao Goberno a rebaixa da presión fiscal sobre o traballo, concretamente en relación ao IRPF e as cotizacións sociais, “antes de que os autónomos, as pequenas e medianas empresas e as clases medias en xeral sexan incapaces de soster a situación”. A este respecto, Barreiro indicou que “a subida da cotización dos autónomos prevista polo Goberno de Sánchez suporá que os lucenses paguen 10,5 ou 11 millóns de euros máis ao ano”. Pero, a este incremento na cotización hai que engadir outros 6 millóns máis que suporía o incremento da tributación sobre o diésel que empregan os máis de 180.000 vehículos da provincia sen ter en conta a repercusión das bonificacións dos que se benefician os sectores agrícola ou do mar”. En total, “os empresarios e autónomos lucenses terían que facer fronte a un gasto de 16 ou 17 millóns de euros máis ao ano”, apunta Barreiro.

Ante esta situación, e en beneficio das pequenas e medianas empresas, dende o Partido Popular defenden baixar os tipos e simplificar as deducións no imposto sobre sociedades para recuperar a recadación que se tiña por ese tributo antes da crise e rebaixar o volume de facturación por módulos aos autónomos sen un acordo coas asociacións que os agrupan; xa que “neste momento de desaceleración económica é contraproducente”.

Por outra banda, os senadores populares lucenses posicionáronse contra a suba da tributación ao diésel e pediron a eliminación da tributación por sucesións e doazóns “porque supón unha dobre imposición” de igual modo que o imposto sobre o patrimonio.

Os populares pídenlle tamén ao Goberno socialista dende o Senado que “respecte o acordo firmado o 26 de decembro de 2017 polas organizacións sindicais e empresariais en canto á subida do Salario Mínimo Interprofesional”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com