A Fundación de Dano Cerebral (Fudace) de Lugo promove a creación dun novo centro de atención a persoas con trastorno ou patoloxía dual no municipio de Castro de Rei. Faráno grazas ao impulso da Xunta de Galicia que colabora cunha achega de 200.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe as obras xunto co presidente de Fudace, Luis Abelleira, e o alcalde do concello, Francisco Balado, entre outros. Trabállase coa previsión de que as instalacións poidan estar totalmente rematadas no prazo aproximado dun mes.
Balseiro reiterou a vontade do Goberno galego de seguir colaborando con esta entidade, coa que ten concertadas 16 prazas -na residencia e centro de día- que supoñen un orzamento anual de 406.000 euros financiados pola Consellería de Política Social.
Igualmente, nos últimos anos a Consellería do Medio Rural achegou 600.000 euros a Fudace a través de tres axudas -de 200.000 euros cada unha- do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terra Chá. Nesta ocasión, o GDR concedeu prioridade á iniciativa do centro de tratamento de patoloxía dual no marco dos proxectos non produtivos que apoia en favor do desenvolvemento socioeconómico dos núcleos rurais.
Neste sentido, o centro residencial de atención a persoas con parálise cerebral de Fudace en Castro Riberas de Lea é xa un referente en Galicia, albergando a pacientes de toda a comunidade. Co novo centro de patoloxía dual, a entidade asumirá a prestación dun servizo pioneiro en Galicia e practicamente no Estado; está orientado a tratar a persoas que sofren dunha adicción en coexistencia con outro trastorno mental.