Lugonovo quere saber que pasou cos investimentos previstos para mellorar o equipamento dos Museos municipais. Segundo lembra a súa voceira, Cristina Pérez, en agosto de 2017 aprobouse en pleno un suplemento de crédito no que figuraban máis de 173.000 euros (173.335’88€) para a incorporación de material, dentro dun proxecto de renovación tecnolóxica que afectaba a catro salas culturais da cidade. “Máis dun ano despois, ningún deses instrumentos chegou ao seu destino a pesares de que a propia memoria que avalaba a súa adquisición refería o carácter urxente e necesario da medida, advertindo ademais que a súa execución non podía demorarse ata o próximo exercicio – sinala Cristina Pérez Herráiz. ¿Que sucedeu entón?”
En concreto, a mellora da eficiencia da rede museística contemplaba a instalación dunha pantalla Led de 50 polgadas, 4 proxectores, un servidor multimedia para contidos e control de iluminación e un S.A.I na Casa dos Mosaicos. Pola súa banda, o MIHL contaría con 6 novos proxectores e unha tablet; o Centro de Interpretación da Muralla, con 5 proxectores, unha tablet, 3 servidores multimedia para contidos, un sistema de Backup e 3 S.A.I e, finalmente, o Museo de San Roque tería un proxector máis.
“Dotacións orientadas a incorporar información multiidioma, a perfeccionar os sistemas de sincronización audiovisual e a ofrecer prestacións máis axeitadas ás persoas con diversidade funcional pero polas que, inxustificadamente, se segue agardando”, lamenta a portavoz da formación.
Pérez Herráiz apunta asemade que, dentro da mesma partida económica, se incluían máis de 20.000 euros para o mantemento preventivo das instalacións. “Outro concepto sobre o que tamén preguntaremos para coñecer qué traballos se desenvolveron, se é que se levou a cabo algún, que xa o dubidamos”.
A voceira destaca que este incumprimento supón un elo máis da cadea de despropósitos que marcan a xestión do servizo, “do que non podemos esquecer, continúa a prestarse co contrato caduco despois de catro anos. De feito, estaba previsto que aínda esta mesma mañá se abriran os sobres dos informes técnicos das ofertas presentadas ao concurso iniciado en 2014. Parece que o goberno non ten vontade nin por materializar as súas propias iniciativas”, afirma Cristina Pérez ao tempo que recrimina ao executivo que o constante incremento do número de visitas turísticas que rexistra a capital “non sexa tampouco suficiente aliciente para poñelo en orde e regularizalo definitivamente”.