A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, participou hoxe no acto de sinatura do protocolo da campaña En Negro contra as violencias, co que renova o compromiso do Goberno provincial contra a violencia machista. Tamén o fixo a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asinando en Santiago de Compostela o protocolo para seguir impulsando, un ano máis, esta campaña contra a violencia, iniciativa da que xa forman parte 106 entidades públicas de toda Galicia, entre concellos e as deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra, e que ten como obxectivo sensibilizar á cidadanía no rexeitamento á violencia machista a través de diversas accións coordinadas entre institucións de diferentes cores políticas.
En Lugo, a día de hoxe están implicados nesta campaña máis de 200 establecementos e axentes sociais: asociacións, clubes deportivos, colexios e institutos, hostalería, comercio, taxistas e supermercados. Ademais de subliñar o compromiso do Concello de Lugo con esta iniciativa, a Alcaldesa puxo en valor a capacidade da denominada “cuarta ola feminista” para avanzar e conseguir a igualdade real entre mulleres e homes, vital para acabar coas violencias machistas. A violencia, asegurou, é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres polo mero feito de selo, unha desigualdade silenciada, agochada e, en moitos casos normalizada. Neste senso, gabou a constitución tan só hai uns días da Asociación Xornalistas Galegas para reivindicar un periodismo feminista.
Pola súa banda, López Izquierdo destacou que o organismo provincial, ademais de reeditar a súa colaboración con esta campaña, emprazará e solicitará que todos os Concellos da provincia a participar neste proxecto. este ano participan 28 concellos e o ano pasado foron 14, o que amosa que este tipo de campañas teñen un impacto notable, tanto nos Concellos como nos veciños”. A Deputada sinalou que aínda que a Deputación de Lugo non ten competencias nesta materia, apoia de xeito decidido a erradicación da violencia machista mediante campañas de concienciación e visibilización, como a deste colectivo.