O BNG presentará unha iniciativa para que contemplen os VMP nas infraestruturas municipais

O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, avanzou a presentación dunha iniciativa para que no Concello se teña en conta aos VMP (Vehículos de Mobilidade Persoal). “Patinetes eléctricos e cadeiras de rodas motorizadas son unha realidade e a cidade ten que adaptarse á súa presenza” dixo Arroxo. Cada vez aumenta máis nas rúas de todas as cidades do estado a utilización destes vehículos de mobilidade urbana e aínda que en Lugo o uso non é masivo, si que o é significativo “por eso compre pensar a longo prazo e ter previsión de futuro en canto ao modelo de cidade que queremos” afirmou Rubén Arroxo.

O BNG presentará un rogo na Comisión de Infraestruturas para que se teña en conta o uso destes vehículos, á hora deseñar novos barrios, novos viais ou cando se fan reformas ou acondicionamentos de vías urbanas. Ademais dos patinetes eléctricos tamén existen outros tipos de VMP como os vehículos utilizados por persoas con problemas de mobilidade que están cada vez máis presentes nas rúas da cidade.

Nestes momentos o uso dos VMP está regulado a través da ordenanza municipal de circulación e a Direción Xeral de Tráfico está traballando para lexislar o uso destes vehículos dado o seu rápido incremento. Rubén Arroxo apuntou que “é evidente que o uso destes aparatos é beneficioso para mellorar a mobilidade nas cidades pero temos que estar preparados e prepararnos para que artellar a súa convivencia con peons e resto de vehículos”. Arroxo sinalou que “é evidente que o Concello debe agardar, en canto á regulación, a que se emita unha normativa de rango superior” e engadiu “pero podemos traballar en habilitar espazos nas rúas nas que se fagan intervencións para mellorar a convivencia necesaria dos VMP coas persoas, e outros vehículos”.

Arroxo xa mantivo contactos con persoas usuarias destes aparellos por que “queremos coñecer cales son as súas demandas e como ven a cidade dende os seus VMP, para así poder facer propostas realistas á hora de modelar o futuro da cidade facendo as vías compatibles e seguras para todos e todas”. O voceiro do BNG avanzou que “dende a nosa formación seguiremos traballando e facendo propostas para que a mobilidade de Lugo funcione”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com