O PP lamenta que os aparcadoiros disuasorios eliminen zonas verdes e provoquen riscos

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, lamenta a “improvisación” do goberno socialista de Lugo ante unha necesidade “tan evidente” na cidade como é a creación de prazas de aparcamento. Antonio Ameijide explica que os sete aparcadoiros disuasorios que Lara Méndez proxectou na cidade teñen un custo de 350.000€ e un prazo de execución de cinco meses, “o que demostra que a súa improvisación só ten un único fin: tentar á desesperada encubrir o absoluto caos en materia de aparcamento e tráfico que Lara Méndez xerou desde que chegou ao Concello”.

O voceiro popular explica que os proxectos amosan “as présas e a falta de traballo” dos socialistas, xa que presentan importantes eivas. En primeiro lugar, “agardamos” que se pavimenten tal e como se reflicte nos respectivos proxectos para non ter outras sete “lameiras como o leiraparking que fixeron no Hula”. Ademais, estas zonas de aparcamento teñen que estar correctamente sinalizadas, en lugar da ausencia total de sinalización do leiraparking, a pesar de que destinaron case 6.000€ para ese fin.

En vista dos populares, as parcelas elixidas repártense en zonas que non son, nin de lonxe, as que presentan mais problemas na cidade. De feito, as zonas con máis problemas de aparcamento “seguen agardando por unha solución”. Por exemplo, na rúa alcalde Manuel Portela non hai moitos problemas de estacionamento e pode que teña utilidade como aparcadoiro disuasorio, pero pensamos que ten unha eiva importante no seu deseño “ao carecer” de conexión co transporte urbano. “Calquer persoa cuns coñecementos mínimos en materia de mobilidade sabe que os aparcamentos disuasorios na periferia da cidade teñen que ir vinculados ao transporte urbano, pero vemos que a Lara Méndez nin se lle pasou pola cabeza”, explicou o popular.

Outro dos aparcadoiros deseñados na Piringalla (rúa do Buxo) é unha iniciativa “interesante” pero ten proxectada a entrada e saída a través dun paso de peóns, ao igual que sucede no proxectado nas inmediacións da Praza Agro do Rolo. “Habería que estudar mellor a proposta” sobre todo porque para a parcela da Rúa do Buxo os veciños solicitaron no seu día a creación dunha zona verde e infantil, unha iniciativa que viría a reforzar as existentes na zona e que se quedan pequenas xa que nas inmediacións hai dous colexios, dous institutos, dúas escolas infantís e unha residencia da terceira idade.

Nas inmediacións de San Roque Lara Méndez proxectou dous aparcamentos disuasorios e son “os que máis problemas de deseño presentan”. No da rúa Pedro González López semella que Lara Méndez xa tirou a toalla e non pensa facelo xa que é o única das parcelas que non se preparou para poder actuar nela, ademais está nunha zona peonil e supón a eliminación dunha zona verde. En canto ao segundo o proxecto na rúa Jacinto Calvo a entrada e a saída é tamén por unha rúa peonil, xunto a un parque infantil. “Falamos neste caso dunha parcela moi interesante para este fin, pero na que hai que estudar moi ben o como se vai desenvolver porque non se pode xerar un grave perigo para os nenos de xeito innecesario obrigando a circular aos vehículos 120 metros por unha zona peonil e pasar pegados a un parque infantil, polo que pedimos un redeseño completo das entradas e saídas deste aparcadoiro”, explicou Antonio Ameijide.

Antonio Ameijide destaca a importancia de ter aparcadoiros repartidos por toda a cidade, xa que a falta de prazas de estacionamento é unha das grandes eivas da cidade, pero hai que crear os aparcadoiros disuasorios “realmente útiles e ben deseñados” en lugar de “asfaltar a ritmo electoral sen ningún tipo de criterio, proxecto nin preocupación pola
seguridade cidadá”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com