As novas actuacións previstas pola Consellería de Cultura e Turismo na Muralla de Lugo servirán para arroxar luz sobre un espazo interior abovedado situado xunto ao Cubo VII que os investigadores presumen que é orixinal do monumento, e que foi utilizado a mediados do pasado século para acoller un centro de transformación.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado de representantes de diversas entidades e colectivos da cidade, presentou sobre o terreo as intervencións que se van a realizar nesa zona. As explicacións técnicas correron a cargo do arquitecto redactor do proxecto, José Ignacio López Rego.
Balseiro lembrou que estas obras están en fase de licitación, cun orzamento de 324.000 euros, ao igual que o contrato de mantemento da Muralla, neste caso por importe de 278.500 euros. O prazo para recibir ofertas remata o 28 de novembro.
Os traballos no Cubo VII -situado preto da Porta do Bispo Odoario- consistirán na escavación interior a nivel do adarve para resolver as filtracións de humidades e as gretas verticais. Inclúe a exhumación da escaleira, que será protexida cunha lámina xeotextial antes de executar un novo recheo.
No espazo abovedado eliminaranse os vestixios do centro de transformación, retirando os muros de formigón, elementos de lousa e ferro e canalizacións que aínda permanecen no interior, e cegando a porta de madeira que da acceso dende o exterior da Muralla.
Investigarase a cimentación desta zona, datando os morteiros en paramentos, bóveda e chan para determinar se se trata dun espazo orixinal ou, en caso contrario, contextualizar as posibles transformacións.
A actuación alcanza tamén a unha franxa de dous metros no xardín exterior, na que se profundizará ata a cota orixinal romana. O obxectivo é obter datos sobre a utilidade da zona abovedada e a súa relación coa escaleira e coa configuración da cidade -se puido ser unha porta, un corpo de garda…-. Durante os traballos, realizarase un levantamento topográfico en 3D das estruturas romanas que se atopen.
Balseiro afirmou que “as iniciativas de conservación e mantemento da Muralla son prioritarias para a Xunta”, e explicou que “recentemente investimos máis de 1 millón de euros nas obras de catro cubos”, en concreto, os cubos LXXX, LXX, LXXI e XIX. Tamén avanzou que restan por licitarse novas actuacións como a musealización do túnel aparecido durante as obras de consolidación do Cubo VI. Neste sentido, lembrou que a consellería ten redactado un proxecto para poñer en valor esta galería, que non será transitable por razóns de seguridade pero si visible dende o exterior.