Vilalba Aberta pedirá que non se cobre a auga aos veciños afectados pola problemática da traída

No pasado mes de outubro, e logo de ter constancia do “deplorable estado” no que a auga da traída estaba a chegar a determinadas rúas do casco urbano, Vilalba Aberta tomaba a iniciativa e esixía responsabilidades ao Concello diante dunha problemática que cualificaba de estrutural.

Apuntaban nese intre ao Goberno coma garante da prestación dun servizo público fundamental, mais tamén á empresa concesionaria en tanto que é a encargada da correcta subministración. Neste senso, e ao tempo que reclamaban unha solución coordinada así como a pertinente asunción de responsabilidades tanto por parte do Alcalde coma pola da adxudicataria, dende formación facíase fincapé na posibilidade da creación dun fondo de compensación destinado a cubrir os recibos dos veciños afectados.

Un mes despois, e logo da persistencia dunha situación “absolutamente insostible”, dende o punto de vista das familias e os negocios das diferentes rúas afectadas, a requirida comparecencia do Alcalde chegaba ao fin pola vía dunha breve declaración á prensa, na que Baamonde afirmaba ter contactado aínda agora coa empresa a fin de achar coa causa da problemática.

“31 días de vergoña e de inaceptable parálise municipal” denunciaba hoxe o seu voceiro, o edil Modesto Renda, quen volveu facer patente a súa “absoluta indignación” logo de coñecer un tras outro os relatos dos veciños afectados. A este respecto, animou á veciñanza a reclamar diante de concesionaria e Concello e anunciou, ao respecto do vindeiro Pleno, que esixirá que non se lle pasen os recibos posteriores ao pasado 1 de Outubro a ningún veciño residente das distintas rúas afectadas.

Ademais, dende Vilalba Aberta demandarán de novo garantías no tocante á salubridade dos depósitos, así coma o necesario endurecemento das medidas de control municipal á empresa adxudicataria.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com