Os socialistas da Comarca de Sarria denunciaron que “a Xunta suma 10 anos sen responder ás peticións dos máis de 22.000 veciños dos 7 Concellos desta zona e só atende aos intereses electorais do PP”. Fixeron esta denuncia no Encontro Comarcal no puxeron en común as principais demandas veciñais ao Goberno galego, “todas sen atender tras unha década”, e no que avaliaron o presuposto autonómico para 2019 de cara a elaboración de emendas.
Os militantes do PSOE pola Comarca de Sarria explicaron que a única actuación que afecta á zona e recolle o presuposto autonómico é a conversión en autovía do corredor. Os cidadáns levan anos e anos demandando o seu desdobramento integral, é dicir, dende Nadela a Sarria. “En 10 anos, o PP na Xunta non fixo nada, máis alá de anuncios. Agora comprométese cun desdobramento parcial dende A Pobra a Sarria, que afectaría aos municipios de maior poboación, pero deixa fóra a zona de máis transito e de maior perigosidade”, denuncian os socialistas. Ademais, para 2019 os populares só comprometen o 4% dos fondos necesarios para executar este proxecto parcial, pois no orzamento para o vindeiro ano figura 1 millón cando estes actuacións superan os 23 millóns, segundo dixo a Xunta.
Por este motivo, unha das peticións dos socialistas da Comarca de Sarria á Goberno galego en defensa das necesidades dos veciños é o desdobramento integral do corredor. Reclaman ademais outros proxectos, que tampouco figuran no Orzamento da Xunta para 2019, como a mellora da estrada LU-622 dende Corvelle (Sarria), ata a inserción coa LU-621 en Láncara; fondos para novos accesos á Pobra de San Xiao dende a LU-546; a creación dunha senda peonil e rotonda na estrada LU-621 dende a Urbanización de Valdriz a Pobra de San Xiao; dotación dunha escola infantil ou gardería pública en Sarria; medios para colaborar cos Concellos no acondicionamento de estradas e accesos
locais; ou a dotación dun parque infantil en Paradela, entre outros.