Lugonovo propón desenvolver un programa de dinamización do Nadal

Lugonovo insta ao goberno local a deseñar e poñer en marcha un programa de animación do Nadal encamiñado a converter estas datas na terceira das citas estacionais da provincia logo do Arde Lucus e o San Froilán.

“A proposta consiste en elaborar unha axenda de accións, espalladas polos distintos barrios da capital, para dinamizar a vida cultural e propiciar a participación da veciñanza, posibilitando asemade a conciliación familiar durante as vacacións escolares e a promoción de valores como o consumo responsable”, indica a portavoz.

Entre as iniciativas, a formación suxire organizar un mercado ou feira municipal de Nadal que ademais de impulsar o desenvolvemento económico da cidade aumente o seu atractivo turístico nesta época. “Esta idea xa é un éxito noutras moitas localidades como Madrid, Barcelona ou San Sebastián polo que, asentado nun emprazamento céntrico, estamos seguros de que aquí tamén contribuiría a mellorar a ambientación festiva que, nos últimos tempos, quedou reducida a pouco máis que a instalación de iluminación”, sinala Cristina Pérez.

A realización de obradoiros de manualidades ou agasallos a partir de material reciclado para os máis pequenos, a organización de torneos deportivos, espectáculos teatrais ou mesmo fomentar a recollida solidaria de xoguetes son algunhas das suxestións que achega Lugonovo así como incrementar o número de actuacións musicais en directo nas rúas a cargo de corais ou doutras agrupacións locais.

A formación pula igualmente por sacarlle máis rendemento ás instalacións da Praza de Abastos para concentrar neste recinto outras actividades como charlas sobre maridaxe ou demostracións culinarias de elaboración de pratos económicos e saudables para estas festas, co produto autóctono como protagonista. “Sería unha mestura de entretemento e utilidade, reclamo para un público diverso, e que, de paso, serviría para favorecer o consumo no pequeno establecemento”, di a voceira.

O Grupo Municipal apunta tamén a posibilidade de crear un espazo, gratuíto e a cuberto, que funcionaría como punto de encontro para as familias e zona de xogos infantil coa fin de amenizar as xornadas de compra e no que mesmo se poden planificar sesións breves de maxia, globoflexia, etc; así como a celebración dun gran encontro intercultural no que as diversas asociacións de migrantes que residen en Lugo poidan trasladar as tradicións e costumes típicos dos seus países de orixe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com