O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou hoxe a importancia da formación especializada como unha ferramenta fundamental para acadar novas oportunidades laborais e para impulsar o emprendemento, o relevo xeracional e a innovación no sector comercial.
Balseiro participou na entrega de diplomas aos participantes nunha acción formativa centrada na creación, diagnose e plans de acción para a mellora da competitividade do comercio, organizada dentro da programación que desenvolve a Fundación Incyde en colaboración coa Xunta.
A formación impartiuse no Centro de Formación Profesional Ocupacional de Lugo e contou con 22 alumnos e alumnas, que adquiriron coñecementos en áreas como a dirección de proxectos e o deseño dun modelo de negocio, comercialización e vendas, TICs e ferramentas informáticas, entre outras.
A programación incluíu sesións conxuntas de formación e titorías individualizadas sobre os proxectos de cada un dos participantes, entre os que figuran dúas iniciativas nos ámbitos da organización de eventos e da consultoría, respectivamente. O curso forma parte dos acordos de colaboración en materia de formación no eido comercial nos que a Xunta coopera coa Fundación Incyde, que contan cun orzamento conxunto de 300.000 euros.