Lugonovo do servizo do bus: “un auténtico lastre, comezando pola guía”

17 follas en A4. Ese é o actual díptico informativo que teñen á súa disposición os usuarios do autobús para consultar os horarios das diferentes liñas operativas no Concello. “Pouco máis e directamente se lles entrega o póster cos percorridos completos do transporte público que figuran nalgunhas, que nin sequera en todas, as marquesiñas da cidade”, exclama Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz de Lugonovo considera que este particular método de divulgación non resulta nin práctico nin manexable polo que solicitará ao goberno a elaboración ou reedición dunha guía máis funcional e, sobre todo, do tamaño axeitado para que a veciñanza a poida levar consigo e consultar cando o precise.

“Igual que os traxectos do Metro de Madrid, ou sen ir tan lonxe, o programa do San Froilán se configuran para que poidan caber nun peto ou nun bolso, o lóxico sería que as instrucións sobre o bus urbano tamén quedasen recollidas no mesmo formato e non nun dossier para o que case fai falta levar mochila”, afirma Pérez Herráiz.

A voceira denuncia ademais que a páxina buses.lugonet.com, onde figuraban estes contidos, foi desactivada polo que para obter algún dato ao respecto a poboación só pode ou chamar ao 010, número – por certo – gravado cunha tarifa especial, ou acudir á web municipal, un recurso que non está ao alcance de tódolos viaxeiros.

“Tendo en conta, ademais, que o executivo non foi capaz de esixirlle, dende 2011, á empresa concesionaria que puxera en funcionamento os paneis dixitais instalados nas paradas para saber canto tarda en chegar a elas o autocar, pois só nos resta certificar que o servizo ao completo é un auténtico lastre en tódolos sentidos, empezando xa por este folleto explicativo, tan esaxerado en volume como o fracaso da xestión que está a facer desta prestación o equipo de goberno”, conclúe Cristina Pérez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com