A alcaldesa de Lugo vén de confirmar esta mañá nunha rolda de prensa que o executivo local derrubará o Garañón, non sen antes, avanzar nunha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para declarar esta unidade de actuación(a CS5), como zona verde e retirarlle a edificabilidade. Deste xeito, tras a demolición total da
edificación actual, neste ámbito non poderá levantarse ningunha outra, pois estará dedicada ao esparexemento e lecer da cidadanía.
Lara Méndez, quen estivo acompañada do voceiro municipal, Miguel Fernández, e do edil titular da área de Urbanismo, Daniel Piñeiro, deu conta tamén á oposición destes avances que levará ao vindeiro pleno para poder obter o si da corporación a esta modificación do PXOM.
A execución dunha das tres sentenzas do TSXG referentes ao Garañón implica unha nova ordenación urbanística deste sector a través dunha modificación puntual do PXOM, na busca “dunha mellor harmonización” coa contorna do parque de Rosalía de Castro e do Miño.
Lara Méndez lembrou que antes de tomar esta decisión, o Goberno pediu o pasado marzo a Patrimonio da Xunta que informase ao respecto, co fin de traballar conxuntamente –administración autonómica e local- na definición das determinacións urbanísticas que harmonizasen co entorno. Unha vez que a Xunta rexeitou facelo, en xullo, “damos o paso e propoñemos que O Garañón sexa zona verde”.
En canto ás indemnizacións as que o Concello deberá facer fronte, a rexedora expuxo dous escenarios. O primeiro, que resultará ineludible, é que o Concello debe asumir a súa responsabilidade e pagar ao promotor os custes de construcción do que xa hai feito, tendo en conta o lucro cesante. Por outra banda, o goberno deberá negociar co promotor para compensar os dereitos edificatorios que ten coa cesión doutras parcelas municipais..
Primeiras impresións da oposición
Como era de esperar, as reaccións da oposición non tardaron en chegar. Así, o voceiro nacionalista, Rubén Arroxo preguntou na propia comisión se o goberno ten algún estudo económico para valorar o custe que lle pode acarrear esta decisión ao concello, unha cuestión que a propia rexedora deixou claro que non se poderá saber ata que non se senten a negociar co promotor. Dende o BNG consideran, “unha solución ideal” converter a unidade CS-5 en zona verde. En todo caso, Arroxo asegura que antes de tomar esta decisión ten que haber “un estudo de custes serio e riguroso”.
Pola súa banda, Antonio Ameijide, voceiro do PP, cualificou esta información da rexedora como “un fraude sen avais técnicos”. Para Ameijide, trátase máis dunha manobra electoralista que dunha realidade e lle pide á alcaldesa “que actúe con rigor para evitar novos enredos e riscos á conta desta urbanización”.
Na mesma liña, falaba Olga Louzao á saída da comisión. A voceira de Cidadáns destacou que “a rexedora non sabe como tirar estas torres” e é que, para Louzao, este anuncio non é senón unha “estratexia de marketing político ás portas das eleccións”.
Pola súa banda, Lugonovo amosa, inicialmente, a súa conformidade cos plans previstos polo executivo pero advirten da necesidade de acompañar esta proposta cos informes municipais que avalíen as posibles consecuencias económicas e urbanísticas.
ACE-EU considera unha “manobra dilatoria máis” a Comisión convocada esta mañá pola alcaldesa, pois a proposta carece de aval técnico, e lembra que a prioridade do goberno debe ser demoler por completo as torres e devolver o terreo ao seu estado orixinal, xa que é un mandato xudicial firme que hai que cumprir, e que non hai excusa válida para non tirar xa as torres.