A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta, está a realizar unha campaña arqueolóxica financiada con fondos FEDER no Castro de Viladonga en Castro de Rei, grazas a cal vén de localizarse unha nova escaleira de acceso á muralla.
A escaleira conserva sete chanzos en moi bo estado. Os chanzos están axuntados ao paramento da segunda muralla que forma parte do complexo sistema defensivo deste xacemento castrexo. Este novo elemento, que enriquece a visión de Viladonga como un poboado complexo e sofisticado, apareceu durante os traballos de limpeza e re-escavación das antigas sondaxes e cortes feitos anos atrás en murallas e parapetos. O equipo de arqueólogos encargado da campaña apunta que a finalidade destas escaleiras era comunicar o corpo de garda da gran entrada aberta no leste do asentamento castrexo co paseo de rolda que percorría todo o alto da cerca.
Esta campaña centrou a súa actividade na roza e limpeza da vexetación que cubría parte do sistema defensivo e dos recintos secundarios do xacemento arqueolóxico, así como na re-escavación dos antigos cortes abertos no sistema defensivo do castro, nas inmediacións da potente entrada Leste, xa fóra da croa do Castro. Pero a súa actuación fundamental consiste na re-escavación, consolidación e acondicionamento do espazo situado no ángulo nordés do interior da croa do Castro, nunha superficie de aproximadamente 900 m2.
En canto á roza da zona exterior da croa do castro o traballo feito permite apreciar agora unha estrutura colosal ao final da antemuralla, formando parapetos e foxos. No referente a re-escavación dos antigos cortes abertos no sistema defensivo do castro o máis salientable ata o de agora é, xunto a localización das referidas escaleiras, a exhumación dun gran torre maciza de planta redondeada, de máis de cinco metros de diámetro, que orixinalmente formaba parte das estruturas que reforzaban o sistema de acceso ao poboado. Dita torre localizouse nunha intervención realizada no ano 1988 pero grazas ás actuacións que se están a levar a cabo na actualidade é posible velo en todo o seu esplendor e vai ser consolidado e acondicionado para converterse nun elemento máis dentro do circuíto de visita do Castro de Viladonga. Tamén a destacar a recuperación e acondicionamento dunha pequena parte dun dos fosos, que estaba semicolmatado e que agora se poderá visitar.
Por último, a actuación no interior da croa do Castro está tamén comezada e está dando os seus primeiros resultados coa definición das estruturas habitadas alí situadas e localización dun novo tramo do lenzo interior da muralla.
A Administración autonómica inviste 194.710,78 euros nesta campaña que vai continuar ata finais do mes de decembro deste ano polo que, segundo avancen os traballos, é posible que o Castro siga proporcionando máis estruturas e elementos arqueolóxicos.