O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e o Alcalde de Ribas de Sil, Miguel Angel Sotuela Vega, acompañados de membros da corporación municipal, supervisaron as novas dotacións que se están executando nesta área recreativa deste municipio, e que contan cunha achega económica de 10.000 euros do Executivo Provincial. O orzamento total desta obra ascende a 26.500 euros.
Santos Ramos explicou que “co arranxo desta infraestrutura todos os veciños poderán desfrutar dun novo espazo de lecer completamente remodelado e renovado, situado ademais nun enclave único como a área fluvial da praia de San Clodio. Con cargo ao investimento do Executivo Provincial renovouse a totalidade dos elementos de xogo infantil deste parque, instalouse novo mobiliario, así como a rexeneración do terreo coa colocación de céspede, novo peche perimetral e paneis informativos”.
O Deputado sinalou que “esta área está situada ao carón da Praia de San Clodio, un dos recursos turísticos mais importantes de Ribas de Sil, que destaca pola súa beleza natural. Ademais esta Praia conta con instalacións deportivas ao aire libre, unha área para caravanas e un parque biosaudable para practicar ximnasia de mantemento”.
Obras en O Incio
Tamén con cargo aos presupostos da Deputación, o Presidente Darío Campos Conde, e a Alcaldesa do Incio, Laura Celeiro García, supervisaron os traballos de mellora que se realizaron en 4 núcleos rurais do Incio cunha achega de 40.000 euros.
Son os núcleos de Teimoi, na parroquia de Santa María do Mao, de Outeiro, na de Hospital do Incio, de Vilansante, na de Vilasante, e de Viloira, na de Santalla de Bardaos. As actuacións, que consistiron na ampliación destes accesos e rehabilitación do firme con rego asfáltico, benefician no seu conxunto a uns 50 veciños que viven nestes núcleos do rural.
Campos Conde destacou que “estas son pequenas actuación pero que teñen un grande beneficio para os veciños. Por exemplo, en Teimoi e Viloira, realizáronse traballos de ampliación das vías para garantirlles o servizo de recollida de lixo pois a estreiteza delas impedía que pasase o camión. Ademais, dende a Deputación e Concello queremos agradecerlle aos veciños de ambos os 2 núcleos a súa colaboración pois cederon parte dos seus terreos para executar estes traballos. En Outeiro e Vilasante as melloras consistiron na adecuación do firme destas pistas para pavimentalas, e facelas así máis limpas e seguras”.
Celeiro García explicou que “grazas á colaboración da Deputación, dende o Concello podemos continuar mellorando as comunicación e espazos públicos que hai no Incio, xa que sen ela, seríanos moi difícil poder realizar este tipo de traballos pois no Concello hai 28 parroquias e máis de 120 núcleos rurais”.