Lugo tínguese de negro contra a violencia machista

Lugo volve poñerse de negro para expresar a súa repulsa absoluta á violencia machista. Será o terceiro ano que o fai, baixo a campaña conxunta de sensibilización no marco do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, coa denominación En Negro Contra a Violencia, á que volveu sumarse o Concello, xunto con outras 101 entidades locais e 3 organismos provinciais.

Trátase de facer visible a protesta contra as violencias machistas a través dunha campaña na que participan establecementos hostaleiros, comercios, empresas, asociacións, clubs deportivos ou centros escolares, a través de camisetas, bolsas, chapas ou outros distintivos que amosen, con contundencia, a repulsa da sociedade a un problema público, a violencia machista. Faise ademais de xeito global e transversal, con coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticos, implicando ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento dos asasinatos machistas, a través da cor negra.

Así o lembrou este martes a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, quen avanzou as actividades do calendario da programación para conmemorar o 25N. Hoxe martes, ás 19:30 horas, o patio do Vello Cárcere acolleu o relatorio Visibilizar o invisible. Distintas formas de violencia cara as mulleres con discapacidade, a cargo de ACADAR, coa que colabora o Concello. Ademais, COGAMI encargarase de colocar distintas mensaxes de repulsa na Muralla. Mañá mércores, terán lugar obradoiros nos institutos a cargo de enxeñeiras.

O venres celebraranse os actos institucionais, cunha Camiñada contra as violencias. Arrincará ás 11:00 horas dende a Fundación TIC. Todas as persoas participantes deberán levar un paraugas negro. Ás 11:15 horas, e seguindo flechas negras no chan, farase unha parada na Praza de Pío XII, onde haberá unha representación teatral, e ás 11:30 horas, no templete da Praza Maior, onde soarán distintas cancións machistas. Xa ás 12:00 horas, diante a Árbore da Vida, procederase á lectura do manifesto e a ofrenda floral. Os actos rematarán na Praza de San Marcos media hora máis tarde con baile contemporáneo.

O sábado, será o CD Lugo no seu encontro o que exhibirá imaxes de sensibilización. Recollerá a testemuña o Club Fonmiña que o domingo, ás 11:30 horas procederá á lectura dun manifesto. Despois, a partir das 12:00 horas, a Plataforma Feminista preparou unha manifestación dende o Concello ata os xulgados.

A cidade xa se empezou a tinguir de negro en días pasadas, coa activación da campaña Lugo En Negro, á que se sumaron máis de 200 axentes diferentes. Ademais, o pasado xoves celebrouse, no centro de convivencia Uxío Novoneyra, unha xornada formativa de como traballar con persepectiva de xénero, organizada pola Casa da Muller e a Oficina de Participación Cidadá do Concello e dirixida ás asociacións de Lugo. O venres pasado tamén houbo un faladorio feminista, onde Carme Adán falou sobre os Novos conceptos para pensar a violencia: feminicidio. Onte mesmo, o instituto Ánxel Fole arrincou co proxecto Creando Igualdade, cuxos resultados se presentarán o día 26 de novembro.

A campaña de tinguir as localidades de negro, que naceu en Compostela hai 4 anos, conta cun dominio web, ennegrocontraaviolencia.gal, no que calquera persoa interesada pode descargar os recursos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com