Darío Campos levará a pleno 88,4 millóns de euros no Orzamento de 2019

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado polo Vicepresidente, Argelio Fernández Queipo, e a Deputada de Economía, Mayra García Bermúdez, presentou esta mañá a súa proposta de Orzamentos da Deputación para 2019, que levará ao Pleno de novembro para a súa aprobación inicial.

Campos Conde apuntou que mantivo encontros cos grupos da oposición para escoitar e ter en conta as súas inquedanzas, así como para entregarlles previamente ao acto de hoxe o presuposto para o vindeiro ano. “Agardo que poidamos aprobar o orzamento da Deputación porque a provincia necesítao”.

“A provincia sobrevive grazas ao esforzo individual de cada unha das familias lucenses, que contan co único apoio deste Goberno Provincial. Temos convertido á Deputación no motor económico e social de Lugo. Á vista do novo orzamento da Xunta para a provincia, seguiremos con esta tendencia de aprobarse a miña proposta de Orzamento da Deputación para 2019”, engadiu.

O orzamento consolidado da Deputación de Lugo para o vindeiro ano é de 88,4 millóns de euros. Este inclúe o presuposto do Consorcio Provincial de Bombeiros con case 2,5 millóns que recolle a cantidade necesaria para a equiparación salarial destes profesionais cos do resto de Galicia. Tamén inclúe o presuposto de SUPLUSA, que é de 1,3 millóns. Finalmente, o propio orzamento da Deputación é de 84,6 millóns de euros.

Entre as partidas máis destacadas, Campos Conde anunciou un investimento de 15 millóns para mellorar as estradas da rede viaria provincial con obras novas, conservación ou parque móbil e 1,5 millóns de euros son para o mantemento de sumidoiros, alumeados públicos, parques e xardíns de titularidade provincial. Case 600.000 euros son para o funcionamento do servizos de arquitectura.

11 millóns son para obras en infraestruturas e dotacións públicas municipais dos 67 Concellos mediante o Plan Único. Os fondos para esta programación aumentarán ata un mínimo de 21 millóns a través da incorporación de remanentes. Na memoria do orzamento, o Presidente xa se compromete a achegar a lo menos o 70% dos remanentes ao plan.

Son 6,3 millóns para a posta en marcha e construción de centros de maiores en Concellos da provincia. Desta cantidade, son 2 millóns os que se achegan para asumir os custos pola posta en marcha e financiamento das prazas a maiores da provincia, -para que todos poidan acceder ás mesmas con independencia da súa capacidade económica-, das residencias de Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Ribas de Sil. A previsión é abrir estas instalacións públicas progresivamente ao longo de 2019, unha vez listas as obras, obtidos os PIA e ter todos os documentos necesarios –regulamentos de acceso, ordenanzas fiscais…-. No seu conxunto, ofrecerán 370 prazas con prioridade de acceso para os veciños do Concello onde se sitúa o centro, logo para os da bisbarra e finalmente para lucenses en xeral. Todos contarán con axudas económicas da Deputación no acceso ás prazas.

Os restantes 4,3 millóns de euros son as partidas necesarias para poder continuar cos proxectos de construción das residencias de Becerreá, Guitiriz, Portomarín, A Pobra do Brollón, Folgoso do Courel, A Pontenova e Pantón. Esta última é a única que recibe a primeira partida de 500.000 euros para redactar o proxecto e as obras. As restantes teñen partidas comprometidas de anualidades pasadas, que non son suficientes para rematar as obras.

Son 10 millóns de euros os que se incorporarán ao Orzamento de 2019 para emprego. Desta cantidade, figuran xa 2,5 millóns de euros. 3 millóns serán para a terceira edición do DepuEmprego, cantidade á que se chegará con remanentes ao abeiro do Plan Único. 1,7 millóns son para asumir os custos laborais de case 25 lucenses menores de 30 anos co plan de Primeira Oportunidade da Deputación. Actualmente, hai 150 lucenses que estaban no paro traballando en empresas e colectivos da provincia co Ben Empregado IV cuxos contratos seguirá asumindo a Deputación ata xuño, que é cando remata esta programación. Farao con máis de 200.000 euros, que tamén se incorporarán ao presuposto de 2019. Os Concellos da provincia teñen pendente de executar 2,6 millóns de euros da segunda edición do DepuEmprego para xerar novos postos de traballos nos municipios.

Asemade, o executivo provincial, prevé investimentos en Deporte, Turismo, Cultura, e o Servizo de Axuda no Fogar e Atención a non dependentes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com