As portas pechadas e a billeteira abandonada do complexo de salas cinematográficas situado no número 3 da Praza Viana do Castelo reflicten o fin dunha era. Un tempo onde o cinema reinaba sobre o resto das formas de ocio. Foi antes da revolución de Internet, tanto das descargas ilegais como das plataformas de streaming dixital como Netflix ou Filmin. Non hai que ser moi vello para recordar as longas quedas nas sesións das tardes, cun público entregado para ver as últimas estreas. Os Multicines Yelmo foron o punto final dunha época esplendorosa. Tempo despois, os cinemas reabriron como Multicines Centro para pechar definitivamente no ano 2013.
Despois de cinco anos sen actividade, chega unha nova tentativa, da man do empresario e músico, Eloi Caldeiro,mais o concepto vai ser radicalmente diferente. Os novos tempos esixen unha nova aposta. Insistir na vella idea das multisalas, que reinou nos anos 90 (e deu morte aos cinemas tradicionais), sería un fracaso asegurado. Así, o novo Codex Cinema nace como unha nova oportunidade: para as salas de cinema, para os espectadores e para os propios filmes. Partindo do valioso e premiado exemplo dos Cines Numax de Santiago de Compostela, as renovadas salas cinematográficas apostarán pola calidade e a especificidade por encima da cantidade. Pola xestión cultural antes que por tratar de seguir o ritmo das estreas dos blockbusters americanos. Polo contacto directo co espectador.
Unha das maiores frustracións dos cinéfilos lucenses foi sempre ver como as películas europeas e independentes premiadas nos festivais internacionais nunca chegaban as salas lucenses. Cando o facían, era con semanas ou meses de atraso, dobradas ao castelán ou ben estreadas pola nunca suficientemente recoñecida labor do Cineclube Valle Inclán ou a Semana de Cine de Autor de Lugo organizada por Fonmiñá.
Así, o novo Codex Cinema recuperan unicamente dúas salas das oito coas que contaba orixinariamente o complexo, mais estarán adicadas por completo a exhibición en versión orixinal dos filmes máis premiados nos festivais internacionais, as películas máis reputadas pola crítica e as producións independentes máis arriscadas do panorama español e internacional. Por fin, o público lucense terá as mesmas oportunidades de ver cinema de calidade que noutras capitais españolas. As salas contan con novos proxectores dixitais, e teñen 150 e 74 butacas, respectivamente. As dúas contarán con prazas habilitadas para discapacitados. Cada sala exhibirá diferentes películas ao longo do día durante tres franxas horarias e os filmes irán rotando de un día para outro, para que todos os espectadores podan adaptar os seus horarios.
A idea está máis preto a dos festivais internacionais que a exhibición tradicional, onde cada sala proxecta unicamente unha película. A sala máis pequena terá un obxectivo máis divulgativo e social, coa proxección de documentais e a posibilidade de realizar debates, entre outros eventos, enfocados a establecer unha relación de proximidade e de colaboración entre o cinema e os espectadores.
O Codex Cinema quere fuxir da frialdade do negocio cinematográfico da actualidade, marcado por grandes complexos de multisalas e algoritmos matemáticos para coñecer os gustos do espectador. Un cinema que busca ser un axente cultural, estar en continuo contacto coa realidade do noso tempo e da cidade de Lugo.
Por isto último, os cinemas queren ser un medio e non un fin. Tratar as películas e aos espectadores con cariño. Codex busca, ademais, ser interdisciplinario, superar o concepto tradicional de proxección cinematográfica. Lugar de reunión, espazo de debate e nun futuro próximo, tamén libraría, estudio de televisión e sala de eventos. O cinema é só o principio, a ambición é converterse nun centro de referencia da vida cultural lucense e galega.