Xornada de Pleno mañá na Deputación e xornada que se presenta intensa. O equipo de Darío Campos levará a debate a súa proposta de Orzamentos para 2019 que xa se anticipa con algunhas dificultades para ser aprobado. A pesares de que Campos Conde asegurou a semana pasada que tiña negociado estes presupostos cos grupos da oposición, o PP xa advertía que condicionará o seu apoio aos Orzamentos a que inclúan as partidas solicitadas nos acordos plenarios que se foron aprobando ao longo deste ano a iniciativa dos populares. En concreto, o PP fará especial fincapé en que exista a contía necesaria para a xestión de todas as residencias xa rematadas e para que a Deputación subvencione a Residencia de Maiores de Sarria e Palas de Rei.
Nesta liña, o voceiro do BNG na Deputación, Xosé Ferreiro, deu conta da presentación dunha serie de emendas aos orzamentos. Ferreiro explicou que “a maior parte das emendas que presenta recollen partidas que xa foran comprometidas polo goberno e non foron adxudicadas ou ben corresponden a iniciativas plenarias que foron aprobadas pero nunca executadas”. O voceiro do BNG puxo como exemplo a partida de 1,5 millóns de euros para continuar as obras da estrada entre Navia e A Fonsagrada.
Pola súa banda, o deputado non adscrito, Manuel Martínez, propón 19 emendas a estes orzamentos entre as que reclama maiores competencias do Pleno para a decisión de dispoñibilidade de crédito, da aplicación do fondo de Continxencia ou as modificacións de crédito así como que o Pleno sexa quen decida a concesión de subvencións nominativas, de concorrencia ou as concesións directas.