Os grupos políticos con representación no Concello de Lugo, Partido Popular, Lugonovo, BNG, Cidadáns e ACE-EU, rexistraron hoxe unha proposición de urxencia conxunta para ofrecer unha solución consensuada á ordenación urbanística da CS-5 ou o que é o mesmo, do Garañón. Os grupos que asinan esta proposición de urxencia, para debatir no pleno deste xoves, consideran que a alternativa que presenta o goberno socialista terá unha repercusión económica moi importante para o Concello.
Con esta proposta, pretenden que se redacte un estudo no que aborden as diferentes alternativas para a ordenación urbanística desta unidade de actuación CS-5 e, deste xeito, poder escoller a opción que mellor harmonice co entorno. Avogan por conseguir a maior superficie de zona verde posible; garantir o menor impacto visual, trasladando a edificabilidade a zonas menos invasivas; e buscar a menor incidencia posible para as arcas municipais.
Dentro desta iniciativa tamén se lembra e se esixe ao goberno local avanzar con rapidez e decisión no expediente relativo á reposición da legalidade das torres das costas do parque dando, deste xeito, cumprimento ás sentenzas xudiciais que ordean a súa demolición.