O cantautor Javier Krahe terá unha escultura na zona de Ramón Montenegro, da man de Concello de Lugo e Deputación, a través do Plan Único. De feito, a Xunta de Goberno de hoxe deu luz verde á contratación da súa subministración, por un importe de 33.880 euros, conforme ao boceto elaborado polo artista lucense de gran recoñemento dentro e fóra de Galicia, Juan Lomarti. Será por procedemento negociado e a execución e entrega da escultura deberá realizarse no prazo máximo dun mes dende a sinatura do contrato.
Tal e como explicou o Voceiro Municipal, a colocación da escultura, que xa se tratara na Comisión do Consello Municipal de Cultura, a suxerencia do Club Cultural Clavicémbalo, avalada por 1.056 sinaturas; será nas proximidades da rúa dos Paxariños, número 2 e a Igrexa de San Roque. As características son as seguintes: unha altura total de 200 centímetros e unha base de 84x108x40, realizada en granito galego pardo de gran dureza, con zonas de corte natural, outras abuxaradas e parte do corpo, mans e cara máis pulidas e coa inscrición Krahe en Lugo.
Na sesión de hoxe da Xunta de Goberno local, tamén se aprobou sacar a contratación o mantemento e conservación de espazos verdes públicos, dentro do Plan Mellora Lugo 2018, que o Goberno volve poñer en marcha co obxectivo de fomentar o emprego e realizar traballos de acondicionamento en espazos públicos municipais. Esta liña de actuación, que se suma ás que terán lugar nas áreas de Educación, Medio Rural, Deportes e Infraestruturas, ten un orzamento de 95.000 euros e garantirá 4 postos de traballo no municipio, a xornada completa, polo menos, durante 6 meses. O prazo de presentación de proposicións será de quince días naturais dende a publicación do anuncio de licitación o Perfil do Contratante.