A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber censuraron hoxe o continuado apoio da Xunta de Galicia á convocatoria de “pseudocompeticións” para matar aves de granxa na provincia de Lugo para as próximas semanas, no que consideran un soporte “lamentable e cruel”. Os animalistas lembran que o pasado mes de marzo aprobouse no Parlamento de Galicia unha iniciativa para que o executivo autonómico non subvencionase campionatos para masacrar raposos, así como evitar que cargos públicos avalasen coa súa presenza estas actividades, pero a lista de “competicións” apoiadas por San Caetano é máis extensa, como a matanza de arceas baixo un formato de actividade deportiva.
Estas organizacións criticaron que a Xunta autorice cacerías masivas de animais que, en non poucos casos foron introducidos nos cotos de forma artificial, con repoboacións de aves ou mamíferos que proveñen de granxas cinexéticas, o que desmonta o argumentario do lobby procaza e o seu papel como suposto xestor do medio natural.
FFW e LIBERA! lamentan que o goberno empregue a Fundación Deporte Galego como entidade colaboradora e tamén subvencionando prácticas rexeitadas amplamente pola cidadanía, criticando que “matar seres vivos” poida ser considerado como “deporte”, concepto a través do cal reciben inxentes axudas públicas. Aos malos tratos animais súmase a contaminación ambiental, xa que os defensores dos animais advirten que durante estes campionatos centos de perdigones de chumbo acaban nos montes, un metal tóxico que provoca o envelenamento doutros seres vivos e de elementos como a auga, chegando mesmo ao consumo humano.