Afundación, a Obra Social de ABANCA, ofrecerá o vindeiro luns 3 de decembro, en dúas funcións ás 10.00 e ás 12.00 h, a representación da nova proposta teatral de Fetén Fetén, O máxico planeta dos instrumentos insólitos. O Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo contará coa asistencia de máis de 1100 escolares procedentes de centros escolares da cidade e arredores.
O obxectivo principal deste divertido concerto didáctico, da man de Diego Galaz e Jorge Arribas, nomeados músicos internacionais, é que nenas e nenos emprendan unha marabillosa viaxe a través dos diferentes ritmos e melodías da música popular española. Transmitíndolles valores sobre a reutilización, a loita contra a pobreza, a imaxinación e a importancia de coñecer as nosas tradicións, usando algúns dos instrumentos máis incribles da historia da música como o violín trompeta, a serra musical, o á de voitre, o theremin ou a frauta cadeira de cámping.
Con esta nova proposta, Afundación desenvolve unha actividade na que o coñecemento das expresións culturais tradicionais e o valor da música como código de aprendizaxe danse a man nunha entretida obra de teatro. Foméntase, desta forma, a conxunción dunha proposta de carácter lúdico cun consistente fondo didáctico, en consonancia cos principios que marcan as actividades para escolares de Afundación.