O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e a Alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, mantiveron hoxe un encontro con membros do Club DHG Team, co que colabora o Goberno da Deputación e o Concello de Sarria. O Executivo Provincial realiza unha achega superior aos 6.000 euros para apoiar o labor desta entidade que conta con máis de 80 membros entre os seus integrantes.
Rivera Capón subliñou que “o DHG Team tense convertido nun axente dinamizador social e económico da vila, pois o club ciclista organiza ao longo do ano cinco eventos xa consolidados e que teñen unha importante repercusión non só na provincia de Lugo, senón tamén a nivel galego e estatal. Estes son: o Descenso Urbano de Sarria, o Open Galego DH e o Open Galego de Enduro, a Ruta Cicloturista, e o Día da Bicicleta, eventos cos que colaboramos dende o Goberno da Deputación, mediante unha achega anual de 6.000 euros”.
O Deputado de Deportes lembrou que “o Descenso Urbano de Sarria foi catalogado pola Unión Ciclista de España como o mellor descenso urbano do país; este ano celebrou a súa sétima edición reunindo a máis de 5.000 persoas no municipio entre participantes e público, o que dá boa conta da relevancia que ten acadado. Así mesmo, o Open Galego cumpriu o seu noveno aniversario congregando a un centenar de participantes de toda a comunidade, que se achegaron a Sarria, en moitos casos acompañados de familiares e amigos, co conseguinte retorno económico para os establecementos de hospedaxe e restauración da zona”.
Ademais dos eventos de carácter competitivo, o DHG Team de Sarria tamén organiza unha ruta cicloturista aberta a todo o público, na que este ano participaron un centenar de veciños, cun percorrido que transcorreu polos concellos de Sarria, Páramo e Paradela. Finalmente, o club celebra todos os anos o Día da Bicicleta, un evento dirixido pais e nenos que reuniu a máis de 400 persoas.