Animalistas lembran os perigos de mercar animais como regalos no Nadal

A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber anunciaronhoxe o inminente lanzamento da súa campaña Non son un agasallo para disuadir da adquisición de animais domésticos como agasallo do Nadal, sinalando que as tendas aínda xogan coa compaixón e a impulsividade da cidadanía para “lucrarse reducindo aos seres vivos a meros obxectos de consumo”.

A Lei de Benestar Animal de Galicia estableceu unha moratoria para a adaptación das tendas de animais a disposicións como a prohibición de exhibición dos mesmos en escaparates, e na comarca pecharon algúns destes establecementos nos últimos dous anos pero o problema multiplícase na internet, onde os animalistas denunciaron unha proliferación de anuncios irregulares sen que a Xunta tomase medidas.

Con ofertas a prezos manifestamente baixos, os criadores ilegais benefícianse dun mercado negro onde calquera internauta pode comprar toda clase de animais, como cans e gatos, sen garantías nin seguridade algunha, e onde ata as plataformas que fan de intermediarias ofrecen “microcréditos” para facilitar as transaccións. Así, FFW e LIBERA! impulsarán a súa campaña no mesmo campo de batalla, con anuncios recorrentes en coñecidas redes sociais para disuadir ás persoas de adquirir a un animal como presente do Nadal, apostando pola adopción sempre tras un proceso reflexionado e responsable.

Os animalistas advertiron que tanto as tendas como os criadores irregulares buscan maximizar os seus ingresos co maior número de vendas, cosificando aos animais e expondo a súa adquisición como un simple agasallo cuxa devolución é imposible, ademais de non respectar as disposicións da normativa vixente. Estímase que o 30% dos animais adquiridos nestas datas será abandonado durante o segundo trimestre do próximo ano, supoñendo un custo para a administración pública e por extensión para o conxunto da cidadanía, que paga o egoísmo dunha parte da poboación preocupada na “orixinalidade” do que regala en Nadal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com