O PSOE de Taboada esixe ao Alcalde que cumpra a lei de accesibilidade nos edificios municipais

Os socialistas de Taboada denuncian que non se cumpre coa lei de accesibilidade autonómica nos edificios de titularidade municipal. En concreto, trátase da Casa do Concello, a Casa da Cultura e o antigo cuartel. No primeiro, o PSOE de Taboada demanda a dotación dun ascensor e nos outros dous edificios poñer en marcha os elevadores existentes, que critican que nunca funcionaron. Nestes dous espazos públicos sitúanse as aulas de informática, a biblioteca, o ximnasio, danse clases de pilates ou spinning, ademais do local para a terceira idade, empregado a diario polos maiores do Concello para actividades lúdicas e culturais. Os socialistas fixeron estas reclamacións tras as numerosas queixas veciñais demandando ditas infraestruturas.

A voceira do PSOE en Taboada destacou que “os nosos veciños e veciñas teñen dereito a unha accesibilidade universal e a igualdade de oportunidades, tal e como recolle a normativa vixente, pero no Concello de Taboada non se está a cumprir. Neste eido a socialista explicou que varios taboadenses con problemas de mobilidade non poden acceder a estes edificios e participar nas actividades deteriorando a súa calidade de vida”.

“Dende o Partido Socialista esiximos ao Alcalde do PP unha solución inmediata para que esta inxustiza desapareza de Taboada e os nosos veciños e veciñas non teñan que convivir con barreiras arquitectónicas que repercuten negativamente no seu día a día. A ver se o señor Moure toma conciencia e se preocupa de verdade polos problemas que ten a cidadanía, en vez dos seus intereses persoais, e deixa de excluír e marxinar aos veciños polas súas condicións físicas. É moi triste que non se tomen as medidas necesarias para que as persoas con discapacidade e mobilidade reducida poidan desfrutar dos mesmos espazos e servizos públicos que o resto de veciños”.

“As nosas demandas están sempre dirixidas ás persoas e somos especialmente sensibles as necesidades dos que están nunha situación máis vulnerable, sobre todos para os nosos maiores para os que resulta fundamental desenvolverse da forma máis independente posible e ter unha vida sociable”, engadiu a voceira do PSOE de Taboada.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com