O delegado territorial da Xunta , José Manuel Balseiro, remitiu unha carta á rexedora da cidade de Lugo, Lara Méndez, solicitándolle que revise e acorde a anulación do expediente de reposición da legalidade e sancionador que o goberno local interpuxo contra a Xunta, despois de que o ente autonómico cubrise o escudo franquista que coroa a fachada do IES Lucus Augusti.
Balseiro asegura na misiva que a Xunta non fará uso dos trámites de audiencia ou alegacións aos que ten dereito, xa que, cando intentaron a retirada do escudo franquista da fachada de Sanidade (r/Montevideo), “as alegacións non se tiveron en conta”.
“Vémonos na obriga de repoñer a situación anterior”, explica o delegado territorial, asegurando que retirarán os elementos que ocultan o escudo pese a que o goberno galego contaba coa autorización de Patrimonio que, ademáis, considerou axeitada a solución “por ser reversible e non destructiva”.
Balseiro considera “curioso” que esta orde do goberno local teña orixe nunha demanda feita pola Policía Local o pasaddo mes de novembro, “case un ano despois do remate das obras” e lembra que esta actuación contaba cunha comunicación previa ao Concello ademáis de ir acorde á normativa vixente, en especial á Lei de Memoria Histórica.
O delegado asina a carta deixando “constancia expresa da nosa perplexidade, non conformidade e oposición” ante a decisión do executivo local.