Beatriz Dourado gaña o Certame Vilariñas 2018 de micropoesias da Chaira

A segunda edición dos haikus galegos, as Vilariñas, xa ten gañadoras. En primeiro posto, quedou Beatriz Dourado que se fixo co certame cos poemas Declaración 360º, xa que foron as dúas vilariñas máis votadas. Milagros Pérez Villanueva, de Valencia, acadou o segundo posto pola escrita Hai un corazón vermello e Cris Amoedo (C.E.A.R.) de Vigo, recibiu o terceiro premio con Mais que a desolación do ermo
A entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro mes de febreiro na Casa das Palabras de Guitiriz nun acto poético de homenaxe a Alfonso Blanco Torrado pola súa contribución ao coñecemento de Díaz Castro e ao impulso á poesía chairega. Neste acto anunciarase tamén a convocatoria do certame para 2019 no que a organización agarda aumentar novamente a participación.

Con 200 vilariñas presentadas procedentes de diferentes lugares de Galicia, Portugal, Asturias, Cataluña e Italia, a segunda convocatoria foi cualificada polos organizadores como “un éxito” xa que casi duplicou a participación a respecto de 2017.

O Certame Vilariñas debe o seu nome a Diaz Castro, polo lugar do Vilariño no que está a sua casa e porque as vilariñas pretendem beber do concepto de valoración das cousas pequenas, como falaba o poeta das “herbas pequerrechiñas” no seu poema A Espada. Todas as vilariñas presentadas serán editadas en varios soportes dixitais para a súa descarga gratuita en PDF a primeiros de Febreiro.
O premio, é unha simpática figura orixinal da artista Viki Rivadulla, feita a man, pezas únicas que representan a unha muller galega co paxaro da inspiración poética na cabeza, unha peza singular e artesanal.
Éxito total, pois, da iniciativa da NPG Nova Poesía Guitirica e Os Vilares lareira de soños que contribúe a identificar Guitiriz en particular e, a Terra Chá en xeral, coa poesía desde o Vilariño de Díaz Castro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com