O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Vicepresidente e Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, supervisaron os traballos de mellora de accesos a 5 núcleos do concello fonsagradino, que financiou o Executivo Provincial cunha achega de 205.000 euros. Campos Conde e Fernández Queipo mantiveron un encontro cos veciños de Carballido, onde a Deputación levou a cabo a renovación do firme con formigón. Ademais, coa achega da Deputación tamén se mellorou a pista de Paradanova a Fornos da Cal, e os acesos a Restrumeiro, Riodeporcos e Noceda, beneficiando no seu conxunto a máis de 110 veciños da Fonsagrada.
Campos Conde subliñou que “vimos de comprobar o remate dunhas actuacións moi demandadas polos veciños da Fonsagrada ás que demos resposta dende o Executivo Provincial e Municipal. É imprescindible que dotemos ao noso rural duns servizos de calidade para que a xente poida seguir vivindo nos seus fogares e dispoñan das mesmas oportunidades que no medio urbano”.
Así mesmo, Fernández Queipo engadiu que “no caso de Noceda, trátase dunhas actuacións moi necesarias posto que os anteriores accesos non permitían a entrada de vehículos de emerxencias. Así, grazas ao esforzo conxunto do Goberno Provincial e Municipal conseguimos que os veciños teñan maiores garantías no caso dunha emerxencia, facilitando a entrada de ambulancias ou vehículos contra incendios”.
Dos 205.000 euros que achegou a Deputación para financiar estas actuacións, 40.000 foron para a mellora da pista de Paradanova a Fornos da Cal; 43.000 euros para a mellora de accesos a Restrumeiro; 40.500 euros para a renovación dos accesos en Carballido; 27.000 euros para o arranxo da pista a Riodeporcos; e, finalmente, 54.500 euros para a mellora do acceso ao núcleo de Noceda.