O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Voceiro do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos, visitaron hoxe varias explotacións de porco celta, afincadas no Concello de Friol, para coñecer de primeira man o grao de satisfacción da nova colaboración que puxo en marcha o Executivo da Deputación cos produtores lucenses co obxectivo de impulsar e profesional este sector na provincia.
Campos Conde explicou que “decidimos custear todos os programas sanitarios, que teñen a obriga legal de cumprir as explotacións de porco celta, por exemplo as vacinacións, revisións veterinarias ou os simples análises de sangue, para poder comercializar estes produtos, que son de primeira calidade pola coidada crianza dos animais. Facémolo porque queremos axudar aos produtores da provincia, que representan o 45% dos existentes en toda Galicia, reducíndolles custes; porque queremos potenciar un sector que na actualidade xera en Lugo un volume de negocio de máis de 400.000 euros, que podería ser moi superior; ou porque queremos contribuír á necesaria profesionalización deste sector que, aínda estar en auxe, hoxe en día segue a ser unha actividade económica complementaria para os criadores”.
“A produción de porco celta é unha actividade que desenvolven principalmente xente nova, sendo unha grande oportunidade laboral na nosa provincia coa que se fixa poboación e se mantén o rural, facendo fronte á sangría demográfica e tamén ao abandono do nosos montes, pois esta crianza libre supón a limpeza de espazos naturais necesaria ademais para previr incendios. Non hai mellor desbrozadora que o porco”.
“Os produtores da nosa provincia son un exemplo en España. A excelencia do modelo de produción que desenvolven fixo das explotacións lucenses un escaparate para profesionais de todo o país, que visitan Lugo para coñecer de preto a crianza”, subliñou.
O Goberno da Deputación leva a cabo este amplo programa sanitario nas explotacións da provincia a través da Asociación de Criadores de Ganado Porcino Celta –ASPORCEL-, da que forman parte unhas 130 explotacións de Galicia, sendo de Lugo case 60. Para elo, o Presidente Provincial asinou unha primeira colaboración neste eido de 45.000 euros co Presidente de ASOPORCEL, José Barrera Alonso.