Os establecementos hoteleiros de Lugo superaron unha ocupación do 70% durante a pasada ponte de decembro. Así o sinala o balance provisional realizado polo Clúster de Turismo de Galicia nuns datos que amosan unha vez máis a importancia destas datas na nosa demanda turística, especialmente no turismo urbano, o turismo rural e as escapadas de última hora.
Este primeiro balance basease en valoracións proporcionadas por representantes do sector, principalmente do ámbito hoteleiro, que ofrecen unha visión aproximada á espera dos datos definitivos. O resultado confirma as previsións esperadas nunha ponte que tradicionalmente funciona ben, malia que nesta ocasión unha das xornadas festivas coincidiu en fin de semana.
Por destinos, a zona centro de Lugo tivo unha ocupación media do 71,64%, moi similar á rexistrada na Terra Chá, do 71,43%, e a Mariña e a Ribeira Sacra, ambas no 70%. En xeral, segundo manifestan desde o sector, tratouse dun visitante eminentemente nacional. A desestacionalización da chegada de visitantes é precisamente un dos retos polos que traballa a Estratexia do Turismo de Galicia 2020, o documento impulsado pola Xunta froito da colaboración público-privada.
Así, trátase de poñer en valor, dun xeito sustentable, unha oferta atractiva durante todo o ano a través de experiencias vencelladas a recursos propios como o termalismo, a natureza, o patrimonio, o enoturismo ou o turismo activo, entre outros.