A Xunta de Galicia investiu máis de 7,8 millóns de euros este ano en tarefas de mantemento e posta en valor da superficie forestal da provincia de Lugo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou este dato e explicou que a Consellería do Medio Rural aprobou 302 expedientes de subvención para titulares de montes e executou directamente 59 obras, tanto labores de limpeza do monte, podas e desbroces ou mellora de infraestruturas como pistas, puntos de auga ou cortalumes. No que respecta á inversión, o 63 % corresponde as axudas e o resto a obras propias.
Balseiro visitou hoxe os terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Virigo e os da Comunidade de Montes de Cociña, Tola e Trigal, no municipio de Navia de Suarna, beneficiarias dunha das liñas de axuda que xestiona a Consellería. Ao respecto, cabe subliñar que a maior parte do orzamento está destinado a montes veciñais en man común, que ou ben recibiron subvención ou teñen subscrito un convenio de xestión coa Xunta.
Tal e como explicou, o Goberno galego realiza este esforzo inversor para que a superficie forestal da provincia estea nas mellores condicións durante a época de alto risco de incendios, evitando ou minimizando os danos, “pero tamén para fomentar o aproveitamento sustentable do monte, porque o sector forestal pode ser un piar económico importante para esta provincia, e moi especialmente para as comarcas da Montaña, onde se realiza boa parte deste investimento”.
Neste sentido, Balseiro lembrou que o Servizo de Montes xestionou este ano 32 expedientes de obras por importe global de 1.683.000 euros, e delas máis do 58 por cento corresponde a proxectos executados total ou parcialmente nas comarcas dos Ancares e A Fonsagrada. En xeral, a representatividade destas comarcas nos outros programas de actuación sitúase entre o 25 e o 30 por cento.
Polo que respecta ao Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, realizou 27 obras de mellora de pistas, cortalumes ou puntos de auga, por importe global de 1.239.000 euros (o 28 por cento nos concellos dos Ancares e A Fonsagrada).