Anunciabámolo hai semanas e hoxe, xa é unha realidade. A cidade de Lugo conta, dende o pasado xoves, con dúas novas salas de cinema nas que poder gozar dos mellores filmes en versión orixinal subtitulada e de autor. Chámanse Códex Cinema e abriron as súas portas, na praza Viana do Castelo, o pasado xoves cun gran éxito de concorrencia.
Máis de 500 persoas interesáronse, dende o pasado xoves, por este novo proxecto do músico, Eloi Caldeiro, que fixo revivir os antigos cines Yelmo, cunha proposta novidosa e única na cidade.
A programación e os horarios diseñáronse pensando nos espectadores, así, as películas rotan de horario entre as dúas salas para que cada quen poida adaptarse ao horario que mellor lle conveña para ver o seu filme favorito. Seis cintas co mellor do cinema, en dúas salas e en seis horarios diferentes cada día, esa é a idea que lle está funcionando hoxe en Lugo a Eloi Caldeiro, e que está a colleitar un grande éxito que pode chegar a superar ás salas máis comerciais da localidade.