Arroxo pide “transparencia” sobre os trámites dos escudos franquistas nos edificios públicos

O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, pediu que Concello e Xunta fagan públicos os expedientes relativos ao tapado dos escudos franquistas en edificios públicos da cidade e tamén toda a documentación relativa á denuncia e comunicacións entre administracións nas que a Xunta basea a súa intención de volver a destapar os símbolos franquistas. “O concello debería publicar na web municipal toda a documentación coa que lle requiriu á Xunta a reposición da legalidade e a denuncia que motivou todo este lío para que se saiba como se xesta e se resolve este asunto que non tiña que terse posto en marcha” dixo Rubén Arroxo.

Ademais, o voceiro do BNG tamén sinalou que “o señor Balseiro debería, tamén facer público todo o expediente co que se tramitou a actuación feita para tapar os escudos”. Para o BNG, “a maiores do xeito de tramitar estas actuacións están présas manifestadas polo señor Balseiro para destapar o escudo franquista do IES Lucus Augusti” e advirten que “Balseiro abriu un debate inexistente por que no PP están preocupados pola perda de apoios que se van cara a ultradereita”. 

Arroxo adiantou que o BNG seguirá traballando pareliminar a simboloxía franquista da cidade porque “ademais do que marca a Lei de Memoría Histórica, tense demostrado que a grande maioría da poboación non comparte que se siga homenaxeando a un réxime ditatorial que cometeu auténticas atrocidades”. O BNG seguirá levando ás institucións iniciativas para avanzar na retirada de símbolos relacionados co franquismo.

O voceiro do BNG lamentou asemade que a Xunta “non se dea tanta présa” para solventar outros asuntos que ten pendentes con Lugo como a apertura do novo auditorio ou darlle solución ao cuartel de San Fernando. Para o BNG resulta sorprendente “as presas” do Delegado da Xunta para destapar os escudos anticonstitucionais “mentres permite que outras cuestións que son máis importantes para Lugo, permanezan sen solución”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com