A Xunta de Galicia distribuíu durante este ano 2018 19,4 millóns de euros entre os Concellos lucenses co Fondo de Cooperación Local. Estes fondos repartíronse con criterios obxectivos primando, nun 55%, o número de habitantes do municipio, seguido da cantidade de núcleos contabilizados no Concello (20%), a superficie (15%) e o número de habitantes maiores de 65 anos (10%).
Así, a Consellería divide, en base a estes criterios, os concellos en 3 categorías: municipios que contan con menos de 15 mil habitantes, grupo no que hai 63 concellos e que suma un total de 14,3 millóns de euros; os que contabilizan entre 15 mil e 50 mil habitantes, no que se encontran Monforte de Lemos, Vilalba e Viveiro, que suman unha axuda total de 2,1 millóns de euros e, por último, o grupo de concellos de máis de 50 mil habitantes no que só se atopa a cidade de Lugo que se leva 2,8 millóns de euros. A característica máis destacada, segundo o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, é que os Concellos poden utilizar estes fondos para o que crean oportuno.
O delegado territorial fixo hoxe balance deste programa, que se abona aos concellos en 12 mensualidades e a mes vencido, polo que xa teñen recibido o 92% do total deste ano. Destacou que se trata dun orzamento que “chega á totalidade dos concellos da nosa provincia” que ademais son pactados con carácter previo coa Federación Galega de Municipios e Provincias.
Entre estes criterios, teñen un peso específico os relativos á poboación -especialmente o número de habitantes pero tamén o número de persoas maiores de 65 anos-, así como a superficie do concello e a cantidade de núcleos de poboación.
Balseiro avanzou que no vindeiro exercicio a Xunta aumentará un 2,5% o Fondo de Cooperación Local, ata os 128,7 millóns par ao conxunto de Galicia, o que significa que haberá 485.000 euros máis para os concellos lucenses.