Lugo reivindica xustiza polo asasinato de Marielle Franco, activista polos dereitos humanos

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu esta tarde no Salón de Plenos a recepción ofrecida pola Corporación municipal a Mariete da Silva, a nai de Marielle Franco, activista polos dereitos humanos e concelleira de Río de Xaneiro asasinada o pasado 14 de marzo a tiros xunto co seu chofer, Anderson Pedro Gomes.

No acto, ao que asistiu a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, a investigadora de Amnistía Internacional Brasil, Renata Neder, membros desta organización en Lugo, Belén Regueiro e Carlos Rodríguez, e representantes de todos os grupos políticos municipais, a rexedora entregoulle a Mariete da Silva a Declaración Institucional que aprobou por unanimidade a Corporación no último Pleno, celebrado o 29 de novembro, na que expresa as condolencias e solidariedade coa familia e amizades de Marielle Franco, e reivindica xustiza polo seu asasinato, pois case dez meses despois, aínda non se produciu unha investigación rigorosa para dar cos autores materiais e intelectuais do crime.

Lara Méndez puxo en valor a figura e o labor de Marielle Franco, asasinada “por defender os dereitos e liberdades, por loitar contra a homofobia, o racismo, a pobreza e a misoxinia”. A Alcaldesa subliñou que Lugo “súmase á loita de Marielle por unha sociedade máis xusta e igualitaria. Como dicía ela, poden matar unha, dúas, tres flores, pero xamais poderán deter a primavera”. Neste senso, engadiu que a súa figura e o que representa cobra especial significado coa chegada de Bolsonaro ao poder en Brasil: “debemos intentar paliar en calquera lugar toda sinal de entrada de partidos de ultradereita e de discursos xenófobos, homófobos e antifeministas”.

A nai de Marielle Franco está na cidade lucense no marco dunha viaxe a España xunto a Renata Neder, investigadora de Amnistía Internacional Brasil, durante a que serán recibidas no Ministerio de Asuntos Exteriores, a Comisión do Senado para Iberoamérica e o Concello de Madrid, entre outras institucións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com