Lugonovo propón editar unha guía coas bonificacións ás ordenanzas municipais

Segundo os últimos datos publicados polo IGE (Instituto Galego de Estatística), no Concello de Lugo hai 1183 pensionistas que perciben unha paga non contributiva. Sen embargo, só ao redor de 70 solicitaron a exención das taxas da auga, lixo e sumidoiros que promoveu Lugonovo en 2016, coa fin de minguar a carga fiscal daquelas persoas que contan con esta prestación como único ingreso.

A portavoz da formación cre que a escasa demanda que está a ter esta rebaixa débese, fundamentalmente, “á raquítica política de difusión desenvolvida polo goberno, tan exigua que anula os efectos positivos que puideran ter os cambios introducidos na normativa local”.

Por iso, dende o Grupo Municipal instan ao executivo a poñer en marcha unha campaña informativa sobre as bonificacións aplicables aos tributos e prezos públicos ás que se poden acoller as e os contribuíntes. “Se non se dan a coñecer é como se non existiran – advirte Cristina Pérez Herráiz – polo que propoñemos que dende a administración se edite unha guía informativa que resuma o conxunto de descontos que se contemplan nas ordenanzas. Un folleto que debera estar a disposición da cidadanía non só nas dependencias municipais senón tamén noutros espazos como os taboleiros dos centros socioculturais, os centros educativos e mesmo as instalacións deportivas”.

Dende Lugonovo subliñan, ademais, a importancia de que esta sinopse conte cun lugar de aloxamento preferente dentro da páxina web do Concello, como xa acontece noutras moitas localidades como Miranda de Ebro ou a asturiana de Aller, para garantir a súa visibilidade en tódolos soportes posibles.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com