O BNG proporá un cambio de modelo na xestión de residuos que conleve a compostaxe

O BNG presentará unha iniciativa para o Pleno da Corporación solicitando que se inicien as xestións necesarias para a posta en marcha dun Plan de xestión de residuos, baseado na reciclaxe, reutilización e recuperación, alternativo ao de SOGAMA, no que se contemple a compostaxe como un dos eixos prioritarios da xestión de residuos orgánicos. Rubén Arroxo sinalou “SOGAMA non está cumprindo cos obxectivos a respecto da reciclaxe e en Lugo non se fai nada para avanzar neste aspecto”.

O BNG solicita, tamén, que se dea cumprimento ao  acordo plenario de xuño de 2016 no que se propoñía a municipalización dos servizos de limpeza, recollida de residuos e transporte. Arroxo lembrou que o contrato coa empresa URBASER leva anos caducado “e o concello de Lugo está pagándolle millóns de euros a esta empresa dun xeito moi cuestionable”. 

O concello de Lugo está enviando, dende fai anos, os residuos á planta de SOGAMA. Neste momento o sistema de SOGAMA  está cuestionado e non acada os obxectivos mínimos en canto ás porcentaxes de reciclaxe que tiña marcadas. O obxectivo marcado pola Lei de Residuos da Xunta estaba cifrado en acadar, no ano 2020, o 50% de reciclaxe dos residuos que se reciben na planta de SOGAMA, na actualidade estase a reciclar un 11% dos residuos que chegan á planta de Cerceda, mentres que a media estatal é do 30%. 

Arroxo sinalou que “existen suficientes modelos alternativos para a compostaxe e xestión de residuos que se poderían aplicar no concello de Lugo tanto no entorno urbano como no rural”. O BNG aposta por un Plan de xestión de residuos, baseado na reciclaxe, reutilización e recuperación, alternativo ao de SOGAMA que debería implantarse de xeito progresivo, iniciando proxectos pilotos en barrios e parroquias para despois extendelo ao resto do concello de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com