O portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado, Xosé Manuel Barreiro, asegura que “a única garantía de que Lugo conte cunha nova Comisaría de Policía é a Xunta de Galicia”. Así o demostra, para Barreiro, o feito de que “o Goberno galego xa comezou a demolición do edificio do antigo hospital Xeral cun orzamento de 3,2 millóns de euros de fondos propios a pesar de que esta actuación non lle correspondería; senón que lle correspondería ao Goberno central. Pero, o certo é que se seguimos agardando, este proxecto non se faría. É a Xunta a que permite a súa axilización”, matiza o senador.
Así o manifestou nunha rolda de prensa, acompañado dos senadores do PP pola provincia, onde criticou “a escusa de mal pagador do Goberno socialista” en relación á pregunta que os populares realizan no Senado sobre a súa disposición a manter o compromiso do anterior Goberno Popular. E é que os socialistas alegan que “primeiro hai que resolver a dispoñibilidade do solar e que as xestións administrativas se encontran na fase de retrocesión pola Xunta de Galicia á Tesorería General de la Seguridad Social”.
Deste xeito, para os populares “queda claro que o Goberno socialista non se entera ou non ten coñecemento de que o edificio do vello hospital xa se está demoler para poñer os seus terreos a disposición do Ministerio. E isto resulta curioso cando o Goberno do Concello de Lugo é da mesma cor política; pero incluso votaron en contra dunha iniciativa dos populares locais a favor do impulso deste proxecto para a cidade”, apunta Barreiro.
Os populares lucenses no Senado aclaran que “esixiremos a través dunha moción o mantemento do compromiso con esta obra e que, ademais, sexa construída nos terreos do antigo hospital. Pero tamén esixiremos que o Goberno avance nos trámites coa Tesorería General da Seguridade Social para proceder á súa licitación unha vez rematen os traballos impulsados xa pola Xunta de Galicia”, apunta Barreiro.
Outro dos proxectos para a provincia sobre os que o Grupo Popular no Senado ten preguntado ao Goberno de Pedro Sánchez é o relacionado coa construción da autovía A-56 que comunique Lugo con Ourense a través de Chantada e A Barrela. A este respecto, tal e como indica Barreiro, “o Goberno, a pesar de manifestar ante os medios o seu compromiso con esta obra, non nos respondeu nada. Só di que están en execución. Polo tanto, non sabemos o que fixo o Goberno coas dotacións que o anterior Executivo popular deixou consignadas nos orzamentos para este 2018”, engade.