O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, advertiu que as pistas de atletismo Gregorio Pérez Rivera, situadas nas Pedreiras, poderían perder a homologación da Federación de Atletismo pola falta de atención do goberno municipal. Rubén Arroxo explicou que “manter a homologación depende fundamentalmente das reparacións feitas no círculo de lanzamento, que quedaron incompletas, sen rematar e converteron unha actuación necesaria, nunha auténtica chapuza”.
Perder a homologación das pistas suporía que calquera marca realizada nestas instalacións non tería validez e non se poden realizar competicións oficiais. O concello iniciou unha actuación para renovar a zona de lanzamento cunha importante inversión pero, segundo sinalou Arroxo, “a obra non se rematou e neste momento non se pode utilizar esta zona das pistas por que sería un auténtico perigo para as persoas usuarias”. Rubén Arroxo cualificou de “deixadez” do goberno o remate desta obra por que “a parte máis custosa, que é a colocación das redes de protección, está feita e unicamente falta adaptar o círculo á normativa establecida para que poida ser utilizado e homologado”.
Rubén Arroxo deu conta “da indignación” que supón para as persoas que practican deporte nesta instalación municipal “ver como se gastaron os cartos e a zona de lanzamento continúa impracticable”. Arroxo lembrou que “falei en numerosas ocasións co concelleiro de deportes para que se arranxase o problema, pero pasan os meses e a solución no chega”. As obras que faltan serían instalar a drenaxe no círculo de lanzamento para evitar que se convirta nunha piscina como sucede agora e acondicionar o entorno do cículo tal e como establece o regulamento.